HomeXunta de GaliciaA Comisión técnica de Protección Civil homologa os plans de actuación municipal...

A Comisión técnica de Protección Civil homologa os plans de actuación municipal de varios concellos galegos

- Anuncio -spot_img
  • O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, presidiu hoxe está xuntanza na que se homologaron os plans de actuacións fronte ao risco de inundacións dos concellos de Viveiro, A Pontenova, Sada e As Pontes, así como por rotura das presas de Vilagudín e San Cosmade do municipio de Cerceda
  • Tamén se informou favorablemente da actualizacións dos plans de emerxencias exterior do depósito de lodos vermellos en Xove, do polígono da Grela Bens e da Presa de Barrié de la Maza
  • Abordouse ademais o decreto polo que se aproba o catálogo de actividades que deben adoptar medidas de autoprotección

A Comisión técnica permanente de Protección Civil homologou hoxe os plans de actuación municipal de varios concellos galegos, e informou favorablemente da actualización de distintos plans especiais.

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, presidiu hoxe esta xuntanza, na que se homologaron os plans de actuación municipal fronte ao risco de inundacións nos concellos de Viveiro, A Pontenova, Sada e As Pontes e o plan de actuación municipal ante o risco de rotura das presas de Vilagudín e San Cosmade do concello de Cerceda.

O obxecto destes plans é preparar unha resposta municipal de xeito que os respectivos concellos teñan un dispositivo permanente en función dos riscos detectados, unha estrutura de mando e uns procedementos de actuación e catalogación dos medios cos que conta o concello. Así, a finalidade é que con esta planificación as actuacións que se leven a cabo en caso de emerxencia non sexan froito da improvisación, e que a solución que se dea sexa a máis adecuada á incidencia acontecida.

Así mesmo, a Comisión tamén informou favorablemente as revisións dos plans de emerxencia exterior do depósito de lodos vermellos de Xove, do polígono da Grela Bens e da presa de Barrié de la Maza, así como a modificación do decreto polo que se aproba o catálogo de actividades que deben adoptar medidas de autoprotección e polo que se fixa o contido desas medidas. Estes plans serán elevados ao Pleno da Comisión Galega antes de finalizar o ano.

Por outra parte, no encontro de hoxe tamén se abordaron as liñas de axuda a concellos en materia de emerxencias. Nesta liña, cómpre lembrar que se destinaron 100 millóns de euros o investimento global dos últimos anos nesta colaboración, que suma equipamento, formación e axudas ao funcionamento, para garantir a eficacia das intervencións ante diferentes riscos. A meirande parte desta contía destinouse ao cofinanciamento dos Grupos de Emerxencia Supramunicipais (GES), con máis de 60 millóns de euros, e á dotación de equipamento, con máis de 27 millóns, tanto para os GES como para as Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC). No que se refire ao apoio ao funcionamento destes últimos colectivos, a cifra ascende a case seis millóns de euros. A maiores o investimento global en formación suma catro millóns de euros.

A Comisión técnica permanente de Protección Civil é un órgano de estudio e proposta dos temas que vaian a pasar a debate e aprobación pola Comisión Galega de Protección Civil, así como, a adopción de acordos en aquelas materias delegadas pola Comisión Galega de Protección Civil, entre outras, a homologación dos plans municipais.

Publicacións Relacionadas