HomeOurenseA LimiaA Deputación inviste preto de 120.000 euros na reforma das gradas do...

A Deputación inviste preto de 120.000 euros na reforma das gradas do campo de fútbol da Moreira de Xinzo

- Anuncio -spot_img

O presidente provincial, Luis Menor, visitou hoxe acompañado por representantes institucionais do municipio encabezados polo seu alcalde, Amador Díaz, o avance destas obras que son “prioritarias” para a veciñanza de Xinzo e de toda a comarca

Pola súa parte, o rexedor agradeceu a colaboración da institución provincial para sacar adiante esta obra “tan necesaria” nunha infraestrutura que presta servizo a un gran número de deportistas

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, visitou hoxe, acompañado polo alcalde e a concelleira de Deportes de Xinzo, Amador Díaz e Cristina Campero, respectivamente, xunto a outros representantes institucionais do municipio, o avance das obras realizadas no campo de fútbol da Moreira en Xinzo de Limia, onde a Deputación investiu 119.995 euros na súa reforma.

Durante a visita, o presidente provincial congratulouse de ver en primeira persoa estas obras que son as que “dan sentido ao mandato que temos os políticos”. Hoxe demóstrase que a política é “útil” para a xente, ademais dun “gran punto de encontro para resolver as necesidades da xente”, reivindicou Menor.

Neste sentido, o presidente da Deputación lembrou que para o goberno provincial a política de deportes é “estratéxica”, tal e como se ten demostrado en numerosas ocasións tanto a través da súa promoción coa posta en marcha de diferentes programas deportivos, como colaborando na mellora dos campos de fútbol da nosa provincia porque son infraestruturas que “dan servizo a moita xente”.

Para o presidente provincial, o deporte é “saúde” e símbolo dunha “sociedade desenvolvida” a través do cal os gobernos “demostramos que nos preocupamos das necesidades da veciñanza”. Ademais, salientou o papel que xogan como “reclamo turístico” contar cunhas boas infraestruturas deportivas.

Na visita, na que estiveron representantes do Club Deportivo Antela, Luis Menor aproveitou para felicitalos pola “extraordinaria” tempada pasada e agradeceu que sexan “exemplo de historia” e de manter “viva esa chama” polo deporte.

Pola súa parte, o alcalde de Xinzo agradeceu a colaboración da institución provincial para sacar adiante esta obra “tan necesaria” nunha infraestrutura que presta servizo a un gran número de deportistas tanto do propio municipio, como pola súa condición de ser capital de comarca.

Mellora das instalacións do campo de fútbol

As actuacións desta segunda fase afectan á parte superior da grada na que se está a construír unha sala de reunións, dous baños e unha zona recreativa para os familiares que acompañen aos deportistas durante os partidos. Tamén se leva a cabo a reforma do tellado e a construción das escaleiras que dan acceso á parte superior.

Así mesmo, o Concello de Xinzo de Limia recibirá ao longo do mandato 2024-2027 un investimento da Deputación de máis de 1,5 millóns de euros, procedente do Plan de Cooperación CooperOU, que permite planificar e executar proxectos que sexan prioritarios para a veciñanza limiá.

Publicacións Relacionadas