- O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes visitou as instalacións para comprobar as actuacións realizadas no marco da liña de axudas plurianual cofinanciada con fondos Feder
- O Goberno galego investiu 120.000 euros nas obras, centradas no illamento térmico, a climatización e a iluminación
- Diego Calvo anunciou que acaba de resolverse a convocatoria deste ano e que beneficia 50 concellos, que se suman ao medio cento da anterior
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado pola directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, e polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou a escola infantil municipal de Ribadumia para coñecer as melloras realizadas ao abeiro da liña de axudas plurianual para obras de eficiencia enerxética nas infraestruturas vinculadas a servizos municipais para o período 2024-2025.
A achega autonómica ascendeu a 120.000 euros, o importe máximo previsto nestas axudas, para actuar na envolvente térmica, na climatización e na iluminación do edificio. Así, mellorouse o illamento térmico das fachadas mediante SATE, renovouse o sistema de climatización coa instalación dunha bomba de calor reversible aire-auga e substituíronse as luminarias por outras con tecnoloxía LED.
A liña de axudas na que se enmarca a mellora está dotada con 5 millóns de euros cofinanciados con fondos Feder, e, xunto con Ribadumia, beneficiou medio cento de concellos na primeira convocatoria. Durante a visita, Diego Calvo anunciou que acaba de resolverse a convocatoria deste ano, para o período 2025-2026, e que volve beneficiar 50 concellos aos que hoxe mesmo se lles notificará.
Destes, oito son da provincia de Pontevedra, que recibirán preto de 900.000 euros. Na Coruña hai 20 concellos beneficiarios, que suman máis de 2 millóns de euros, en Lugo seis, cunha contía global de case 600.000 euros, e en Ourense 16, con achegas que superan os 1,5 millóns de euros. Todos eles poderán mellorar a eficiencia enerxética das súas casas consistoriais, casas da cultura, centros socioculturais, polideportivos, escolas e outros edificios de titularidade municipal.
O obxectivo é contribuír á redución das emisións de gases de efecto invernadoiro e á mitigación dos efectos do cambio climático, en liña coa Estratexia de cambio climático e enerxía 2050 e no marco do Programa Feder Galicia 2021-2027. Búscase tamén facilitarlles aos concellos galegos o aforro enerxético e económico, así como a mellora ambiental e do confort do persoal e da cidadanía usuaria dos servizos municipais. A través da medida impúlsase ademais a reactivación económica dos sectores implicados nas obras e refórzase o efecto exemplarizante das actuacións da Administración.
Compromiso co eido local
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes incidiu no compromiso da Xunta co eido local, que leva o seu departamento a reforzar o presuposto para 2026 nesta área cun incremento do 17%, tal e como anunciou onte na presentación das contas do seu departamento.
Garántese así o mantemento das habituais liñas de colaboración cos concellos, como a orde de infraestruturas, dotada con 3,5 millóns de euros, o Fondo de Compensación Ambiental, con 11,2 millóns de euros ou o impulso aos proxectos municipais estratéxicos, que medra de 8,5 a 10 millóns de euros. Súmanse ademais novas medidas, como o proxecto piloto para a creación dun banco de maquinaria municipal compartida, dotado cun millón de euros e que busca facilitar que os concellos compartan equipamento especializado para o desenvolvemento de servizos públicos da súa competencia. A maiores, o Fondo de Cooperación Local sobe un ano máis, alcanzando os 187 millóns de euros.
O conxunto de medidas do Goberno galego para apoiar as administracións locais permitiu neste ano impulsar preto dun milleiro de proxectos, con actuacións en practicamente todos os concellos galegos. En Ribadumia, as achegas da Xunta nos últimos anos para mellorar as infraestruturas e servizos municipais suman preto de 2,3 millóns de euros.



