- Jesús Gamallo, en representación da Xunta, destaca o éxito da cooperación co Norte de Portugal e pon en valor a cultura e as raíces comúns da Eurorrexión
- No acto entregouse o Premio Literario ‘Nortear’, que celebra a súa 11ª edición e que recibiu máis de 550 obras de autores de ambos os territorios
O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou hoxe no Día da Eurorrexión, centrado na cultura e celebrado na sede do Consello da Cultura Galega. A iniciativa intégrase no proxecto Nortear, promovida no marco do programa Interreg España–Portugal (POCTEP), con participación da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, a Direção Regional de Cultura do Norte e a propia AECT da Eurorrexión.
O evento sinalou máis de tres décadas de cooperación entre Galicia e o Norte de Portugal, reafirmando a importancia da cultura como ponte de entendemento e desenvolvemento compartido entre os dous territorios. Na súa intervención, Jesús Gamallo referiuse á cultura como “un territorio sen fronteiras”. “Celebrar a Eurorrexión é celebrar a capacidade que temos de construír xuntos o futuro, valorando as nosas raíces comúns”, engadiu.
O programa incluíu unha conferencia do historiador Ramón Villares, seguida da mesa redonda As Casas de Escritores da Eurorrexión Galicia – Norte de Portugal, que reuniu representantes de institucións literarias de referencia, como a Casa de José Régio de Vila do Conde, a Fundación Camilo José Cela, a Fundación Rosalía de Castro e a Casa de Camilo Castelo Branco, entre outras.
O evento culminou coa entrega do Premio Literario Nortear 2024 e 2025, que distingue novos talentos da escrita da Eurorrexión, a Manuel Villa e Diana Teixeira, respectivamente, da man de Nuno Almeida, da Dirección da Eurorrexión Galicia – Norte de Portugal, AECT. Almeida destacou unha undécima edición de éxito para o premio, que recibiu máis de cincocentas cincuenta obras de novos escritores de entre 16 e 36 anos nos dous territorios.



