HomeXunta de GaliciaA exposición itinerante do IV Concurso de Carteis para escolares relacionado coa...

A exposición itinerante do IV Concurso de Carteis para escolares relacionado coa doazón e os transplantes recala no Hospital Provincial de Pontevedra

- Anuncio -spot_img

― Foi inaugurada hoxe pola directora asistencial da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, Susana Romero e o presidente de ADROVI, Celso García e permanecerá neste centro hospitalario ata o vindeiro martes 15 de novembro de 2022


― No transcurso desta inauguración fíxose entrega de sendos agasallos honoríficos ao alumno Rodrigo Pazos e ao profesor Darío Suárez, ambos do CPR San Narciso de Marín, por recibir o primeiro premio deste certame, co debuxo “A mellor acción é a doazón”

A entrada principal do Hospital Provincial de Pontevedra acolle desde hoxe e ata o vindeiro martes 15 de novembro de 2022 a exposición itinerante do IV Concurso de Carteis para Escolares relacionado coa Doazón e os Transplantes, que foi inaugurada esta mañá pola directora asistencial da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, Susana Romero Yuste e o presidente de ADROVI, Celso García Estévez. Ambos estiveron acompañados neste evento pola subdirectora médico Dolores Pan Vázquez e polo coordinador de doazón e transplantes desta Área Sanitaria, o doutor José Luís Martinez Melgar. Nesta exposición -que conmemora este ano a súa cuarta convocatoria e que visitará varios hospitais da rede do Servizo Galego de Saúde- están os carteis premiados nesta edición do concurso.

Precisamente no transcurso desta inauguración fíxose entrega de sendos agasallos honoríficos ao alumno Rodrigo Pazos e ao profesor Darío Suárez, ambos do CPR San Narciso de Marín, por recibir o primeiro premio deste certame, co debuxo “A mellor acción é a doazón”.

Cómpre sinalar que nesta nova convocatoria do Concurso de Carteis para Escolares relacionado coa Doazón e os Transplantes, destinado ao alumnado de 5º e 6º de educación primaria e de 1º e 2º curso de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO), participaron centos de estudantes dunha ducia centros educativos de toda Galicia. Con esta iniciativa, o Servizo Galego de Saúde e a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue -ADOS-, xunto coas Consellerías de Sanidade e de Educación da Xunta de Galicia, buscan achegar a realidade dos transplantes á poboación escolar, para que os rapaces poidan valorar os beneficios do fomento da doazón de órganos.

Sensibilización para crear unha conciencia social
A directora asistencial da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, Susana Romero salientou a importancia de seguir traballando na sensibilización das persoas máis novas para crear unha conciencia social favorable ao xesto solidario da doazón e os transplantes. Así mesmo, puxo en valor o traballo desenvolvido nos últimos anos en Galicia pola Coordinadora Autonómica de Transplantes da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), e de todos os integrantes da comunidade educativa galega.

No acto de hoxe no Hospital Provincial, tanto Susana Romero Yuste coma o presidente de ADROVI, Celso García Estévez, subliñaron que todo o traballo de fomento da doazón de órganos, xunto co esforzo do Sistema Público de Saúde de Galicia e a xenerosidade cidadá permitiron que durante o pasado ano -aínda coa crise sanitaria pola pandemia da COVID- Galicia recibiu a solidariedade de 112 doadores de órganos, que permitiron realizar 298 transplantes. Na actualidade máis de 121.000 cidadáns galegos contan con tarxeta de doante de órganos, cifra que crece cada ano.

Traballos premiados
Nesta cuarta edición do concurso de carteis para escolares relacionados coa doazón e o transplante, resultaron premiados nas categorías de quinto e sexto de educación primaria, co primeiro premio o xa mencionado “A mellor acción é a doazón”, de Rodrigo Pazos Gómez, do CPR San Narciso (Marín), e o segundo premio foi para “Espalla a maxia da vida. Doa”, de Joel Cabrera Vives, do CEIP Castrelo de Miño.

Na categoría de primeiro ciclo da ESO, resultou gañadora a obra “Doar dáche máis do que che quita”, de Miguel Fra Baltar, do IES Illa de Sarón (Xove), e o segundo premio acadouno “Sé o primeiro en doar”, de Ainoa Alonso Flores, do IES Pino Manso (O Porriño).

No apartado do VIII Concurso de Curtametraxes para escolares relacionados coa doazón e os transplantes, o primeiro premio recaeu na creación “Doar é gañar”, de Wendy Barros, Marcos Fernández, Ana García, Marcos Grandal e Andrea Peiteado, do ESAD Galicia (Vigo), sendo o segundo premio para a curtametraxe “Un órgano cambia unha vida. Ti elixes”, de Pablo Alonso Cora, José Manuel Álvarez Basanta e Agustín Sesar Moreiras, do IES Vilar Ponte (Viveiro).

Publicacións Relacionadas