Home Xunta de Galicia A Filmoteca de Galicia recibe os cineastas Cyril Schâublin e Albert Serra...

A Filmoteca de Galicia recibe os cineastas Cyril Schâublin e Albert Serra para presentar os seus premiados últimos traballos

- Anuncio -

— O director suízo estará este venres na sede da cinemateca da Xunta con ‘Disturbios’, mellor dirección na sección Encounters da pasada Berlinale, mentres que o realizador catalán regresa á Coruña para a proxección o día 14 de ‘Pacifiction’, un dos éxitos cinematográficos de 2022 en Francia

— O ciclo dedicado a María Casares remata mañá cunha sesión que inclúe o telefilme ‘La mort de Sidonie Mertens’ e tres pezas informativas da televisión francesa

— A carteleira de febreiro avanza nas retrospectivas de Abbas Kiarostami e Paulo Rocha con algunhas das súas fitas máis coñecidas


A Coruña, 31 de xaneiro de 2023.- A Filmoteca de Galicia xa ten preparada a súa carteleira de febreiro, que desde mañá e ata finais de mes ofreceralle ao público cinéfilo 32 novas citas na súa sede da Coruña. Destacan, entre elas, as visitas do cineasta suízo Cyril Schäublin e do catalán Albert Serra para presentar as súas últimas e premiadas longametraxes.

O primeiro deles estará na cinemateca da Xunta de Galicia este mesmo venres 3 con motivo dunha sesión dobre que dará comezo ás 18,00 h. co clásico alemán Xente en domingo, que xunta a Billy Wilder no guión e a Edgar G. Ulmer e Robert Siodmak na dirección antes da súa fuxida a Estados Unidos. Tras introducir este filme de 1930, Schäublin presentará e participará no coloquio arredor da súa película Disturbios, pola que foi recoñecido como mellor director na sección Encounters da pasada edición da Berlinale. Este traballo sobre a transformación tecnolóxica que afectou á fabricación artesanal dos reloxos suízos a finais do século XIX proxectarase na Sala José Sellier a partir das 20,30 h. en versión orixinal e con subtítulos en galego.

Sexta visita de Serra á cinemateca

Pola súa banda, Albert Serra regresa á Filmoteca de Galicia o martes 14 para compartir co público o seu último filme, a coprodución hispano-francesa Pacifiction, como xa fixera en ata cinco ocasións coas súas anteriores longas. Desta volta, faino co que está a ser un dos éxitos cinematográficos en Francia, onde despois da súa estrea no Festival de Cannes, obtivo o premio Louis Delluc á mellor película francesa do ano pasado, foi elixida por Cahiers du Cinéma como a mellor estrea de 2022, logrou os premios a mellor director, actor e fotografía nos Lumières e acaba de ser nomeada en nove categorías dos César.

En febreiro concluirán, ademais, os ciclos que a Filmoteca de Galicia lles está a dedicar á actriz María Casares e ao cineasta experimental Jonas Mekas co gallo dos seus centenarios. No caso de Casares, a homenaxe remata mañá mesmo cunha sesión ás 20,30 h. que incluirá o telefilme La mort de Sidonie Mertens, de 1966, e tres pezas informativas da televisión francesa: unha reportaxe sobre a súa interpretación teatral de La Celestina, a súa participación no programa Apostrophes a raíz da publicación de Residente privilexiada, a súa autobiografía, e a noticia do seu falecemento en 1996.

Lectura en homenaxe a Jonas Mekas

Pola súa banda, o especial sobre Jonas Mekas chega á súa fin con catro películas sobre catro dos seus amigos: Andy Warhol (dia 8) e John Lennon, Georges Maciunas e Jackie Kennedy (día 10). A primeira destas citas complétase cun acto no que os cineastas Jaione Camborda, Ángel Santos e Santos Díaz, a programadora Andrea Franco e os directores da mostra (S8), Ana Domínguez e Ángel Rueda, lerán varios capítulos de Destellos de belleza, o último libro de Mekas.

A carteleira de febreiro avanzará tamén nas retrospectivas sobre o portugués Paulo Rocha e o iraniano Abbas Kiarostami, que arrancaron en xaneiro na Sala José Sellier e que agora ofrecen algúns dos traballos máis recoñecidos de ambos. Así, prográmanse oito novas sesións do ciclo de Paulo Rocha, considerado o pai do Cinema Novo portugués, coas que se cubre a práctica totalidade da súa filmografía: desde 1982, coa súa obra mestra A illa dos amores (xoves 2), ata 2012, ano do seu pasamento e da súa última película, Se eu fosse ladrao… roubava (día 28), recapitulación de toda a súa obra.
Continúa igualmente o especial sobre Abbas Kiarostami con cinco programas que dan conta da súa evolución desde un cinema didáctico e neorrealista ata a dirección autorreflexiva. Comprenden tanto as súas últimas curtas e documentais para Kannon (días 7, 9 e 10), o centro iraniano para o desenvolvemento intelectual de nenos e adolescentes no que traballaba, ata a triloxía de Koker, coa que acadará fama en Occidente: ¿Dónde está la casa de mi amigo? (días 11 e 15), Y la vida continúa (días 18 e 22) e A través de los olivos (días 25 e 28).
Outra das sesións destacadas de febreiro na Filmoteca de Galicia será a proxección o día 23 de El filmador, de Aldo Garay, película que parte da viaxe por Europa do escritor uruguaio José Pedro Díaz a primeiros dos anos 50 e que inclúe imaxes inéditas da romaría de A Franqueira, no concello pontevedrés de A Cañiza, filmadas en setembro de 1950 coa súa cámara de 16mm.

Relacionadas

Rueda destaca o patrimonio cultural, a paisaxe e a gastronomía como principais atractivos turísticos...

0
― Resalta que cómpre “coidar e facer sostibles” os elementos que identifican á comunidade porque o turismo “é unha parte moi importante da economía”...

A Xunta convoca axudas por 1,63 millóns de euros para impulsar proxectos de conservación...

0
— Ángeles Vázquez anuncia que desde mañá xa se poden pedir subvencións para obras, proxectos e campañas de sensibilización nestes espazos por importe de...

A Xunta destaca o papel do Programa Mentor na formación e emancipación de adolescentes...

0
O obxectivo é facilitar a mozos que están no sistema de protección as ferramentas que necesitan para que poidan desenvolverse tanto persoal como profesionalmente O...

Un total de 431 colexios e institutos desenvolven clubs de lectura grazas ao...

0
— Este curso sumáronse 53 novos centros a esta iniciativa da Consellería de Educación, que financia con 400.000 € a adquisición de fondos e...

Medio milleiro de persoas obtiveron ou renovaron o ano pasado a habilitación como persoal...

0
A través dos cursos de seis horas realizados na Academia Galega de Seguridade Pública para adaptarse aos requisitos esixidos no decreto que regula as...

A Xunta aposta pola conservación de monumentos naturais de Galicia como a Praia das...

0
As rexistradas ata o momento roldan esa cifra, polo que se agarda que, malia as malas previsións meteorolóxicas, o número final se achegue á...

Publicacións Relacionadas