- A Xunta de Galicia dálle cobertura á oitava edición do festival, referente no ámbito da música de vangarda a nivel estatal, con máis de 30 artistas nacionais e internacionais
- Ao longo de catro xornadas, o evento ofrecerá unha programación multidisciplinar en dez espazos emblemáticos de Compostela
- O director de Turismo de Galicia participou esta mañá na presentación da cita
Do 11 ao 14 de setembro, a música contemporánea inunda de novo Santiago de Compostela coa celebración do WOS Festival. Os Concertos do Xacobeo da Xunta de Galicia danlle cobertura á oitava edición da cita, referente no ámbito da música electrónica e de vangarda a nivel estatal, con máis de 30 recoñecidos artistas nacionais e internacionais no seu cartel. Ao longo de catro xornadas, o WOS Festival ofrecerá unha programación multidisciplinar que aposta pola calidade artística, en dez espazos emblemáticos de Compostela, deste teatros e igrexas ata clubs e lugares inesperados.
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou esta mañá na presentación do evento, que tivo lugar na Fundación Eugenio Granell de Compostela, unha das sedes do festival. Durante a súa intervención, Xosé Merelles destacou que “co apoio dos Concertos do Xacobeo, o WOS Festival contribuirá, un ano máis, a reactivar Compostela cunha perspectiva única sobre o son e a cultura contemporánea”. Merelles remarcou tamén “o compromiso da cita coa diversidade de orixes e de xénero, cunha aposta pola singularidade e a alta calidade artística, que converten ao WOS Festival nun evento único e de gran potencial turístico e cultural para a capital de Galicia”.
Da man do WOS Festival, a cidade de Santiago de Compostela será o escenario de 13 premieres de discos, directos ou concertos audiovisuais en España, incluíndo Los Thuthanaka a nivel europeo, e 10 estreas en territorio galego. Abdullah Miniawy, aya & MFO, Batu, Beatrice Dillon, BFlecha b2b Mwëslee, Carme López, Carrier, CCL, Djrum, Grand River & Abul Mogard, Heinali & Adriana-Yaroslava Saienko, Ivy Barkakati b2b Breixo Martínez, KAVARI, Klein, KUNTARI, Lord Spikeheart, Los Thuthanaka, Malandrómeda & Caamaño, Masayoshi Fujita, Nazar, Niecy Blues, Objekt, Purelink, Rainy Miller, Saint Abdullah, Eomac & Rebecca Salvadori, Sara Persico & Mika Oki, Simo Cell, Tarta Relena e ZULI conforman o line up de WOS 2025.
O programa do WOS Festival 2025, que se desenvolverá en espazos como Afundación, Auditorio Abanca, Sala Capitol, CGAC, Fundación Eugenio Granell, Fundación Laboral da Construción, Igrexa da Universidade, NUMAX, Parque de Bonaval e Teatro Principal, inclúe concertos audiovisuais, dj set e performances, obradoiros, unha nova edición do panel de discusión “O son electrónico de Galicia: unha conversa interxeracional”, sesións de cinema en NUMAX e o proxecto de investigación e creación sonora “Amplificando a memoria”, iniciativa que recupera e reactiva o altofalante galego Organsound creado polos irmáns Portela Seijo no 1972.
Un programa plural que apoia os principais eventos de Galicia
A Xunta de Galicia continúa firme na súa aposta por posicionar á comunidade galega como destino turístico de grandes eventos musicais a través dos Concertos do Xacobeo. Algunhas das citas que inclúe son Gozo Festival, O Son do Camiño, o Morriña Fest, o novo Festival Jaleo!, o PortAmérica, o Resurrection, o Río Verbena, o Galicia Fest, o WOS Festival, o Festival de la Luz, así ata máis de 160 festivais, ciclos e concertos imprescindibles en máis de 70 localidades de toda Galicia. En concreto, na provincia da Coruña, os Concertos do Xacobeo suman medio centenar de eventos. Entre eles, en Santiago de Compostela, nesta recta final do ano, daranse cita eventos como o WOS, Intermodal, MARÉ ou Hola Nola Fest.
Máis de 800 artistas internacionais, nacionais e galegos de todos os xéneros que pisan forte nas listas de escoitas de agora e de sempre visitarán neste 2025 os Concertos do Xacobeo. O programa completo está recollido na páxina web www.concertosdoxacobeo.gal.