HomeXunta de GaliciaA nadadora artística, Daniela Suárez, e a piragúista, Tanía Álvarez, recoñecidas nos...

A nadadora artística, Daniela Suárez, e a piragúista, Tanía Álvarez, recoñecidas nos premios Carreira Dual do CSD a proposta da Xunta

- Anuncio -spot_img
  • Ambas deportistas destacan polo brillante xeito no que compaxinan a formación académica coa súa traxectoria deportiva na que destacan importantes éxitos nacionais e internacionais
  • A Xunta apoia de xeito decidido a carreira dual dos deportistas galegos como demostra o traballo realizado dende a Oficina de Atención ao Deportista

Dúas deportistas galegas veñen de ser recoñecidas polos premios Carreira Dual do Consello Superior de Deportes (CSD) correspondentes ao ano 2024 tras valorar as propostas recibidas polas Comunidades Autónomas. Neste caso, a Xunta apostou pola nadadora artística, Daniela Suárez, e a piragüista, Tania Álvarez, polo brillante xeito no que compaxinan a formación académica coa súa traxectoria deportiva. Ambas deportistas recibiron unha mención honorífica, Daniela na categoría de deportistas en idade escolar e Tania na de deportistas universitarias.

No que atinxe ao ámbito educativo, Daniela Suárez é bolseira do Centro Galego de Tecnificación Deportiva cunha nota media de sobresaínte en 4º da ESO.  No que respecta ao seu currículo deportivo, entre os principais resultados de 2024 destacan, no panorama nacional, dous terceiros postos nos Campionatos de España de Inverno e de Verán en Só Júnior e, no panorama internacional, dous primeiros postos nos Campionatos de Europa Júnior en equipo técnico e en equipo libre, así como dous terceiros postos en Campionatos do Mundo Júnior, tamén en equipo técnico e en equipo libre.

Pola súa banda, Tania Álvarez vén de acadar o Doutoramento en Educación Física, Saúde e Deportes con sobresaínte Cum Laude e mención internacional grazas a súa tese: ‘Son capaces os parámetros neuromusculares de predicir o rendemento deportivo en piragüistas de alto nivel?’. Entre os seus principais resultados de 2024 destacan, no panorama nacional, tres primeiros postos nos Campionatos de España de Maratón (K1 e K2 26,2 km) e na Copa de España de Maratón (K2 26,2 km), dous segundos postos no Campionato de España de Sprint Olímpico (K2 1000m) e no Descenso Internacional do Sella (K2 20 km), así como dous terceiros postos no Campionato de España de Sprint Olímpico (K1 1000m) e no Campionato de España de Maratón Curto (K1 3600m). No contexto internacional cómpre mencionar dous segundos postos no Campionato do Mundo de Maratón 2023 (K2 26,6 km) e no Campionato de Europa de Maratón (K1 26 km), un terceiro posto no 50º Waterland Marathon (K1 24 km) e un cuarto posto no Campionato do Mundo de Maratón 2024 (K2 26,6 km).

Cómpre destacar o apoio da Xunta á carreira dual dos deportistas como demostra o traballo que se está a facer dende a Oficina de Atención ao Deportista dende a que se canaliza o Programa de Axuda ao Deportistas (Proade) e que vén traballando neste sentido dende o mes de abril de 2022. Dentro das súas accións destaca  o desenvolvemento dun protocolo coas tres universidades galegas orientado cara á conciliación académica cun importante peso da carreira dual do deportista-estudante, sendo a Fundación Deporte Galego parte dunha rede de investigación nacional.

Publicacións Relacionadas