― En concreto, asumíronse as doazóns de tres riles, dous fígados e dúas córneas
― Nesta área sanitaria foron detectados tres doadores reais, grazas aos cales se acadou a xestión da doazón deses órganos
― Anunciouse tamén a vindeira activación dun protocolo de doazón tras a morte circulatoria -coñecida coma doazón en asistolia controlada- que xestionará as doazóns de órganos provenientes de pacientes con dano cerebral catastrófico, enfermidades neurodexenerativas, cardíacas ou respiratorias en fase terminal
A Oficina de Coordinación de Transplantes da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés xestionou durante o recén rematado ano 2023 a doazón dun total de cinco órganos e dous tecidos rexistrados no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra.
Segundo indicou hoxe na presentación destes datos no hospital Montecelo o coordinador deste departamento, o doutor José Luís Martínez Melgar, nesta Área Sanitaria foron detectados durante o ano pasado tres doadores reais, dun total de sete potenciais, grazas aos cales se acadou a xestión da doazón destes órganos e tecidos.
No que atinxe á recepción clínica destas doazóns multiorgánicas, o pasado ano 2023 a Oficina de Coordinación de Transplantes da Área Sanitaria xestionou, en concreto, as doazóns de tres riles, dúas córneas e dous fígados.
O balance do pasado e 2023 revelou, así mesmo, que se deron dúas negativas familiares á doazón de órganos e outras dúas contraindicacións médicas por causas clínicas e metabólicas. Neste sentido, o doutor Martínez Melgar sinalou que arredor do 90% dos doantes da área sanitaria pontevedresa son maiores de 75 anos, e que, no caso concreto das cifras do ano pasado, ningún puido selo de órganos torácicos.
Protocolo de doazón en asistolia controlada
Durante a presentación do balance de 2023 da Oficina de Coordinación de Transplantes da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés celebrada hoxe no hospital Montecelo, anunciouse tamén a vindeira activación no mes de marzo dun protocolo de doazón tras a morte circulatoria, máis coñecida coma doazón en asistolia controlada.
Dito protocolo xestionará as doazóns de órganos provenientes de pacientes con dano cerebral catastrófico, enfermidades neurodexenerativas, cardíacas ou respiratorias en fase terminal, e podería incrementar en tres ou catro a cifra de posibles doantes nesta área de saúde. A día de hoxe, xa se traballa na fase previa de formación do persoal implicado e soamente falta un trámite final do comité de ética.
Segundo sinalou hoxe o coordinador deste departamento, o doutor Jose Luís Martínez Melgar “este protocolo consolidará as doazóns en asistolia no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, iniciativa que se integrará no protocolo do coidado integral ao final da vida dos pacientes na Unidade de Coidados Críticos do CHUP. Os nosos profesionais asegurarán a transparencia, a información e a confidencialidade neste proceso”.
Equipo de máis de vinte especialistas
O equipo multidisciplinar profesional da Oficina de Coordinación de Transplantes da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, formado por máis de vinte especialistas do Complexo Hospitalario Universitario pontevedrés, participa na extracción dos órganos. Entre eles, tres facultativos e dous profesionais de Enfermaría, así como persoal auxiliar, celadores e efectivos das áreas de Anestesioloxía e Reanimación, Cirurxía, Neuroloxía, Neurofisioloxía, Oftalmoloxía, Radioloxía, Análises Clínicas, Microbioloxía, así coma persoal facultativo e de enfermaría da Unidade de Coidados Intensivos, coma unidade xeradora dos potenciais doadores.
Esta Oficina de Coordinación de Transplantes da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés é tamén o departamento encargado de detectar aqueles posibles casos de pacientes cuxa evolución clínica é susceptible de derivar nunha morte cerebral, circunstancia que os postularía como candidatos a efectuar unha doazón.
Tras a realización dun estudo axeitado, caso por caso, a Oficina de Coordinación de Transplantes da Área Sanitaria actúa coma enlace coa Organización Nacional de Transplantes e inicia os procedementos necesarios para coordinar a todos e cada un dos servizos do hospital que interveñen no proceso de extracción.

