HomeA CoruñaA primeira parte ddas obras de mellora da rede de saneamento e...

A primeira parte ddas obras de mellora da rede de saneamento e depuración no rural de Ferrol incidirá en seis parroquias cun investimento de máis de 5,7 m€

- Anuncio -spot_img
  • Ángeles Vázquez salienta que as actuacións, nas que a Xunta aporta o 70% do investimento e o Goberno local o 30% restante, beneficiarán a 1.350 habitantes de distintos núcleos de Brión, Covas, A Cabana e A Graña, Doniños e Esmelle
  • A conselleira pon en valor que practicamente o 100% da poboación urbana de Ferrol está conectada aos sistemas de saneamento e depuración existentes na cidade e que agora se avanza para que as áreas rurais tamén teñan acceso ao sistema xeral
  • As intervencións permitirán ampliar a rede de colectores en preto de 13,5 quilómetros, instalar os pozos de rexistro asociados e executar sete bombeos e impulsións que suman máis de 4 quilómetros de tubaxes

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, asinou hoxe co alcalde de Ferrol, José Manuel Rey, o convenio de colaboración polo que se iniciará a mellora da rede de saneamento e depuración de auga na zona rural do municipio. Esta primeira parte das obras incidirá en distintos núcleos de seis parroquias rurais do concello -Brión, Covas, Doniños, Esmelle, A Cabana e A Graña- e suporá un investimento de máis de 5,7 millóns de euros.

A responsable autonómica, que estivo acompañada pola delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, e polo director de Augas de Galicia, Roi Fernández, explicou que o acordo -que conta con cofinanciamento europeo a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) no marco do Programa Galicia Feder 2021-2027- establece que o Goberno galego aporta o 70% do investimento e o local o 30% restante.

Os traballos previstos ao abeiro do convenio de colaboración correspóndense coa primeira parte da fase 1 -hai dúas fases, a primeira delas dividida en dúas partes- coa que se beneficiará a arredor de 1.350 habitantes dos máis de 4.400 aos que se pretende chegar co conxunto das actuacións.

A conselleira salientou que na actualidade practicamente o 100% da poboación urbana de Ferrol está conectada aos sistemas de saneamento e depuración existentes na cidade e que as obras na zona rural buscan que, no menor tempo posible, o conxunto da poboación ferrolá conte cuns servizos eficaces e sostibles que, ao mesmo tempo, contribuirán a mellorar a situación medioambiental da contorna.

As actuacións que se van desenvolver ao abeiro do convenio inclúen completar a rede de colectores existente entre o lugar de Valón, na parroquia de Doniños, e a parroquia da Cabana coa instalación de preto de 13,5 quilómetros de tubaxes de distintos diámetros así como dos pozos de rexistro correspondentes.

A maiores están proxectados sete bombeos e impulsións -con máis de catro quilómetros de tubaxes de distintos diámetros- co fin de superar os desniveis topográficos existentes na área na que se van realizar as actuacións. O proxecto desta primeira parte da fase 1 tamén inclúe a reposición de todos os firmes e pavimentos que se vexan afectados durante a execución das obras.

Deste xeito, a Xunta avanza na optimización dos sistemas de saneamento e depuración de auga no concello de Ferrol, onde Augas de Galicia leva investidos máis de 30 millóns de euros en distintas infraestruturas postas en marcha desde 2009, accións que contribuíron a mellorar a situación medioambiental na contorna, a calidade das augas da ría ferrolá e a calidade de vida do conxunto da cidadanía.

Colaboración cos concellos

Esta actuación enmárcase na colaboración tanto técnica como económica que mantén desde hai anos Augas de Galicia cos concellos -que son os competentes en materia de abastecemento, saneamento e depuración- para contribuír a profesionalizar a xestión da auga, garantir o bo estado ecolóxico dos ríos e das rías de Galicia e a mellorar a calidade duns servizos que son básicos para a veciñanza.

De feito, ese compromiso cos Gobernos locais reflíctese tamén nos orzamentos deste ano, cun esforzo adicional para mellorar a xestión do ciclo integral da auga e un orzamento global de Augas de Galicia de 144 millóns de euros. Este investimento permite seguir optimizando o saneamento e o abastecemento municipais mediante a mellora das infraestruturas, da formación e da divulgación e a execución de políticas activas de resposta ao cambio climático no eido dos recursos hidráulicos.

O obxectivo principal é facer un uso eficiente da auga e reducir a pegada hídrica na comunidade mediante investimentos nas redes de saneamento, depuración e traída así como no apoio aos concellos a través de distintas liñas de axudas, o deseño de mapas de riscos climáticos ou a creación de corredores verdes e de zonas de inundación controlada para facer fronte aos asolagamentos.

Publicacións Relacionadas