- A programación de artes escénicas do Concello cofinanciada pola Xunta forma parte dos ciclos ‘Domingos do Principal’ e da actividade do Pazo da Cultura
- O público familiar é o protagonista desta oferta do circuíto cultural autonómico, con espectáculos como ‘Kyoki’, de Elefante Elegante, ‘A historia de Lumecú’, de Percubebés, ou ‘Luppo’, de Baobab Teatro
A Rede Galega de Teatros e Auditorios ofrece ata o vindeiro mes de abril un total de 11 funcións de oito espectáculos de teatro, música, maxia e danza na cidade de Pontevedra. O Teatro Principal e o Auditorio do Pazo da Cultura son os espazos onde se desenvolverá a programación do primeiro semestre deste circuíto promovido e cofinanciado pola Xunta de Galicia.
A oferta da nova temporada escénica da Rede en Pontevedra arranca o domingo 16 de febreiro con dous pases de Kyoki, un espectáculo plástico e visual onde a compañía Elefante Elegante fai reflexionar sobre a vellez, o esquecemento e a soidade.
As seguintes funcións, xa para público adulto, serán o 27 de febreiro con #2Pilgrims, de Redrum Teatro, que explora temas como o feminismo, as novas masculinidades ou as redes sociais; e o 20 de marzo con Reconversión, no que Ibuprofeno Teatro aborda a reconversión do sector naval na ría de Vigo. As tres propostas amosaranse desde o escenario do Teatro Principal da cidade do Lérez.
A programación especialmente dirixida a público infantil e familiar continuará no Pazo da Cultura, onde o 22 de marzo haberá tres pases do espectáculo musical A historia de Lumecú, de Percubebés, e o día 23 unha función de A maxia do cinema, a cargo de O Mago Paco. Xa o 29 marzo será a quenda de Pitiminí: Concerto para bebés, de Davide González, e o domingo 30 poderá verse Luppo, de Baobab Teatro, unha peza que fala do apego das persoas que nos rodean, en particular dos nosos maiores.
O programa da Rede Galega de Teatros e Auditorios remata en Pontevedra o xoves 3 abril no Auditorio do Pazo da Cultura con CEIB3, de Fran Sieira Compañía de Danza, unha peza que explora a relación entre o xénero e a nosa tradición.
Máis de 340 representacións en Galicia
A Rede Galega de Teatros e Auditorios programa ata a o vindeiro mes de xuño 343 funcións de artes escénicas e musicais en 41 concellos das catro provincias galegas. A Xunta e as entidades locais asociadas cofinancian este circuíto que conta para todo 2025 cun orzamento de máis de 1 M€, destinado integramente á contratación de formacións artísticas profesionais de teatro, música, danza, circo e maxia, galegas na súa meirande parte.