- A UIFO detectou nesta zona unha alta actividade incendiaria, acadando seis rexistros de lumes nos últimos catro anos, provocados de xeito próximo ás vivendas
Axentes ambientais da Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO), da Dirección Xeral de Defensa do Monte, dependente da Consellería do Medio Rural, veñen de identificar o presunto autor de varios lumes no lugar de Vilar, parroquia de Ponte Sampaio, no concello de Pontevedra. Ao tempo, procedeuse a trasladar o atestado ao Xulgado de Instrución número 3 de Pontevedra, que incoou as dilixencias previas por delito de incendio forestal. Tamén foi informada a Fiscalía especializada en incendios forestais de Pontevedra.
A UIFO detectou no lugar de Vilar unha alta actividade incendiaria, acadando seis rexistros de lumes nos últimos catro anos, provocados de xeito próximo ás vivendas dos lugares de Vilar e Rañadoiro. Os axentes ambientais da UIFO e do Distrito XIX intensificaron as pescudas e operativos de vixilancia co inicio da época de alto risco do 2024. O último incendio rexistrouse o pasado día 17 de agosto, afectando unha superficie forestal de 2,78 hectáreas.
Finalmente, o traballo de investigación e os operativos de vixilancia establecidos na zona permitiron recadar as probas indiciarias determinantes para poder identificar á persoa que presuntamente provocou os incendios forestais de xeito intencionado. O suposto autor é un veciño de Vilar perfecto coñecedor da contorna.
Este labor dos axentes da unidade de investigación desenvolveuse en estreita colaboración cos axentes ambientais e persoal do dispositivo do Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais da Xunta.
Cómpre lembrar que a UIFO creouse no ano 2021 e está despregada por todo o territorio galego, onde continúa coas investigacións recadando probas para traballar na identificación e posta a disposición xudicial dos presuntos incendiarios.

