— A directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, participa na inauguración da XV Edición da Reunión de Mozos Investigador@s no Estranxeiro
— Subliña os avances en I+D+i e as oportunidades de desenvolvemento profesional para investigadores na Comunidade galega
A directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, participou hoxe na inauguración da XV edición da Reunión de Mozos Investigador@s no Estranxeiro, IYImeeting, un evento que reúne na Domus da Coruña a decenas de investigadores galegos que desenvolven as súas carreiras en centros de prestixio internacional. O encontro, organizado pola Universidade da Coruña (UDC), a Universidade de Vigo (UVigo) e o Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina (Cinbio), contou tamén coa participación do reitor da UDC, Ricardo Cao, e de María Mayán, representante do Cinbio.
Na súa intervención, a representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP remarcou a importancia do talento investigador para o futuro de Galicia, facendo fincapé na retención, atracción e retorno de científicos galegos. Así, destacou o programa Oportunius, que ten como obxectivo atraer e reter titulares de ERC grants, incrementando o éxito de candidaturas desde Galicia. Ata o momento, apoia a 33 titulares de ERC grants, 18 dos cales contan cun contrato de Persoal Investigador Distinguido por parte da Xunta. “En dez anos de programa, investíronse preto de 14 millóns de euros para apostar pola ciencia de primeiro nivel feita en Galicia”, afirmou Carmen Cotelo.
A directora da Axencia Galega de Innovación tamén destacou varios proxectos destacados do Goberno galego, entre os que se inclúen a consolidación do Polo de Tecnoloxías Cuánticas, liderado polo Cesga, a mellora das instalacións do Igfae e o apoio á Rede Cigus, que xa conta con 10 centros acreditados pola súa excelencia. Ademais, subliñou o papel de Galicia como referente en intelixencia artificial e biotecnoloxía.
A xornada contou coa intervención de investigadores galegos que traballan en centros como Harvard, Stanford, o Instituto Curie ou a Universidade de Xenebra, que presentaron os seus proxectos. As conferencias abrangueron diversas áreas como xenética, neuroloxía, astrofísica, bioloxía e ciencias medioambientais.
Medidas previstas en 2025
A representante da Consellería de Ciencia tamén falou das iniciativas previstas pola Xunta para 2025, entre as que destacou o reforzo das accións de fomento da contratación de investigadores nas empresas, a extensión do programa Oportunius e a ampliación do apoio a candidaturas MSCA (Marie Skłodowska-Curie Actions). A directora subliñou que Galicia seguirá traballando de xeito conxunto coas universidades, centros de investigación e empresas para fortalecer o ecosistema de I+D+i e garantir un futuro próspero para os investigadores.
Ademais, a directora destacou a importancia das colaboracións internacionais para dar a coñecer as oportunidades que Galicia ofrece ao ecosistema científico. “Grazas á colaboración con Raicex, a rede de asociacións internacionais de científicos españois, e cos nosos aliados en InvestGal, temos presentado as capacidades da nosa Comunidade en países como Brasil, Dinamarca, Suecia e Reino Unido”, indicou Cotelo. Estas alianzas son clave para atraer talento investigador desde o exterior e fomentar o retorno de científicos galegos que traballan fóra.
Carmen Cotelo finalizou a súa intervención invitando aos asistentes a estreitar vínculos coa comunidade científica galega: “O ecosistema de I+D+i de Galicia ofrece oportunidades únicas para o desenvolvemento profesional. Queremos que, cando o decidas, teñades as ferramentas para retornar, seguir colaborando e facer ciencia excelente na vosa terra”.