HomeA CoruñaA Xunta abonou a 235 negocios de Ferrol as axudas solicitadas pola...

A Xunta abonou a 235 negocios de Ferrol as axudas solicitadas pola hostalería dentro do Plan de Rescate por un total de 617.000€

- Anuncio -spot_img

Na cidade de Santiago accederon ás axudas 556 negocios percibindo 1,6 millóns de euros
Na provincia 3.116 locais de hostalaría obtiveron apoios que suman 8 millóns de euros

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, mantivo esta mañá un encontro cos representantes da asociación de empresarios de hostalería de Ferrol e comarca para trasladarlles as propostas da Xunta de apoio e este colectivo e para escoitar as súas necesidades nestes difíciles momentos.

En materia económica, e no marco do Plan de Rescate posto en marcha polo Goberno galego, o delegado da Xunta salientou que, desde o inicio da pandemia, un total de 14.700 negocios de hostalería, o que supón o 70% destes negocios na nosa comunidade, tiveron acceso ás axudas establecidas para obter liquidez e facer fronte ás restricións sanitarias necesarias para evitar a propagación da Covid-19.

A Xunta deseñou tres liñas de apoios complementarias entre si das que se puideron beneficiar os establecementos de restauración, bebidas e aloxamento e dirixidas ás persoas traballadoras autónomas, microempresas e especificamente ao sector da hostalaría. Así, o 25% dos hostaleiros que tiveron que pechar accederon tamén á axuda dirixida a autónomos, e o 22% de hostaleiros obtiveron a maiores unha achega de microempresas. Finalmente, o 14,5% dos hostaleiros beneficiáronse das tres liñas de axudas. Trenor recalcou que “a axuda mínima percibida por un mes de peche foi de 1.500 euros e a máxima de 8.500 euros”.

O representante do Goberno autonómico concretou tamén os datos por cidades. No caso da Ferrol 235 negocios de hostalería accederon ás axudas que suman 617.125 euros. Representan o 45,6% dos establecementos do municipio. O número de peticións presentadas foi de 275 e xa recibiron axuda o 85,4% dos solicitantes.

Na cidade de Santiago 556 negocios hostaleiros accederon ás axudas cun importe total de 1,6 millóns de euros o que representa o 60% dos locais de hostalería do municipio. O número de solicitudes presentadas foi de 626 e recibiron a axuda o 89% das propostas presentadas. Na provincia 3.116 negocios de hostalaría accederon a axudas que suman 8 millóns de euros. O número de solicitudes foi de 3.502 (pagouse xa o 89% das solicitudes presentadas).

Axudas 2021
A Xunta está a deseñar, da man do sector da hostalería e no marco do diálogo social un segundo Plan de Rescate que permita facer fronte ás novas restricións sanitarias. Este segundo Plan terá unhas características similares ao que se puxo en marcha a finais de ano, aínda que simplificaranse os requisitos para que o acceso ás axudas sexa aínda máis áxil e doado. As novas axudas estarán dimensionadas e orientadas a cubrir as necesidades dos sectores máis afectados polas restriccións segundo as previsións da evolución da pandemia previstas pola autoridade sanitaria.

Gonzalo Trenor lembrou a importancia de adoptar medidas por consenso e, por outra banda, de a proposta do sector e do Goberno autonómico de crear un fondo de cooperación Covid-19 que materialice o traballo conxunto de Xunta, deputacións e concellos. Neste senso, destacou a colaboración manifestada pola Xunta para poñer en marcha este novo plan de axudas e que se faga de forma coordinada de xeito que o Goberno autonómico aportará o 50%, as catro deputacións o 30% e os concellos o 20% restante, na liña do modelo da Comunidade Autónoma de Valencia. “Todas as administracións teñen que colaborar coa hostalería e temos que facelo de forma conxunta como solicitan os propios afectados. Neste senso, mostrou a súa confianza en que a proposta plantexada polos propios hostaleiros conte tamén co apoio do goberno provincial e dos respectivos concellos”, recalcou.

Trenor insistiu en que “nesta nova fase apelamos máis que nunca á implicación de todos. É o momento de actuar con altura de miras, máis aló de cores políticas ou debates estériles sobre competencias”. O representante do Goberno galego recalcou que “somos moi conscientes de que estamos pedindo un descomunal novo esforzo ao tecido empresarial para preservar a saúde de todos galegos e galegas, pero ese sacrificio virá acompañando de novos apoios directas ao sector e agardamos que sexa de forma coordinada como eles mesmos nos solicitan”.

Publicacións Relacionadas