O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, vén de manter un encontro con Acebe CCA, a asociación de comerciantes e empresarios de Betanzos, con quen tratou a convocatoria aberta co gallo de reforzar a excelencia e profesionalización dos centros comerciais abertos, así como a súa capacidade de dinamizar as contornas nas que se integran. Na reunión, o director xeral destacou que a orde —cun orzamento de 2,5 M€ que se pode solicitar ata o próximo xoves 12 de marzo— afonda na simplificación administrativa e introduce novos criterios de valoración enfocándose na formación dos comerciantes, na fidelización da clientela e na capacidade de atraer novos establecementos asociados. Tamén novas actuacións subvencionables, como os servizos de ludoteca e espazos de lecer infantís.
No marco do Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030, as axudas están dirixidas así a apoiar a realización de actividades de dinamización comercial que teñan como obxectivo incentivar o consumo e atraer clientes, co fin de incrementar as vendas. Segundo lembrou Alén, as asociacións con máis puntuación poderán optar a achegas extraordinarias de ata 20.000 euros para a realización de actividades complementarias, coordinadas con concellos e outras entidades locais.



