HomePontevedraDezaA Xunta aborda cos concellos da Mancomunidade do Deza a ampliación proposta...

A Xunta aborda cos concellos da Mancomunidade do Deza a ampliación proposta pola entidade para incorporar catro novos municipios

- Anuncio -spot_img

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, trasladoulles o proceso que se debería seguir para a modificación dos estatutos e informoulles de que esta figura verase reforzada na reforma da Lei de Administración Local de Galicia na que traballa o Goberno galego

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado da directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, recibiu hoxe aos alcaldes dos catro concellos que integran a Mancomunidade do Deza -Lalín, Silleda, Rodeiro e Vila de Cruces- para coñecer a súa proposta de ampliar o organismo coa incorporación dos municipios de Agolada e Dozón, que xa formaran parte da entidade, ademais de sumar os concellos da Estrada e Forcarei da comarca de Tabeirós-Terra de Montes.

Ao acto tamén asistiron tamén  precisamente os rexedores de Dozón, A Estrada e Forcarei, así como representantes da Mancomunidade do Salnés, xa que a reestruturación pretende seguir o modelo desta entidade que colabora na prestación conxunta de servizos como a recollida de residuos ou o turismo.

O conselleiro de Presidencia trasladoulles que, unha vez que se presente a solicitude dos respectivos concellos a integrarse na mancomunidade, o pleno da mancomunidade ou algún dos municipios mancomunados deberá presentar a iniciativa de modificación dos estatutos. O texto -engadiu- enviaríase para informe da deputación provincial e tamén da Dirección Xeral de Administración Local da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes e someterase a información pública durante un mes. Rematado ese período os plenos de cada concello teñen que aprobar a modificación por maioría absoluta e, posteriormente, o presidente da mancomunidade remitirá toda a documentación á Dirección Xeral de Administración Local para poder realizar a publicación no Diario Oficial de Galicia.

Durante o encontro, Diego Calvo explicoulles aos rexedores que as mancomunidades de concellos se verán reforzadas na reforma da Lei de Administración Local de Galicia na que traballa a Xunta. Deste xeito, para fomentar esta figura, establécese a obriga de dar prioridade ás solicitudes presentadas polas mancomunidades nas liñas de axudas e subvencións destinadas a concellos e entidades locais. Nesta liña, cómpre destacar que a Mancomunidade do Deza recibiu nos últimos anos máis de 103.400 euros da Xunta en apoio aos seus proxectos.

Publicacións Relacionadas