- O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, José María Gómez y Díaz-Castroverde, presidiron a reunión do organismo, na que se avaliou o proceso de implantación do novo modelo organizativo en Galicia derivado desta normativa
- O Goberno galego lamenta a falta dunha análise do custo inicial da implantación da normativa
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia José María Gómez y Díaz-Castroverde, presidiron hoxe a reunión da Comisión Mixta de Xustiza entre a Xunta e o TSXG, na que se abordou a implantación da nova oficina xudicial no marco da Lei Orgánica de medidas en materia de eficiencia do servizo público de xustiza aprobada polo Goberno central o pasado 3 de xaneiro.
Nesta liña, avaliouse durante o encontro o proceso de implantación do novo modelo organizativo en Galicia que, entre outras adaptacións, suporá actualizar os modelos de referencia das oficinas xudiciais, o seu regulamento e protocolos locais de actuación, elaborar e aprobar as relacións de postos de traballo en consenso coas organizacións sindicais, ademais da asignación de persoal aos postos de traballo correspondentes á nova organización, a adecuación das instalacións e a dotación de aplicacións informáticas, o acondicionamento dos arquivos físicos e virtuais de expedientes e a execución de plans de comunicación e información ás partes interesadas.
Por iso, a Xunta lamenta a falta dunha análise do custo inicial desta implantación. O conselleiro de Xustiza lamentou que as novas normativas estatais do Goberno central non veñan acompañadas dos orzamentos necesarios e se cargue nas comunidades con competencias en xustiza como Galicia o custo da reforma.
De todas formas, o Goberno galego xa está a traballar para desenvolver a oficina xudicial como se expuxo na reunión de hoxe co obxectivo de cumprir co que se demanda na lei. Así, os xulgados unipersonais cambian de nome e pasan a chamarse tribunais de instancia e os xulgados de paz serán oficinas de xustiza. Neste último caso modifícase tamén a súa estrutura, xa que as oficinas xudiciais colaboran cos tribunais de instancia do partido xudicial ao que pertencen.
A medida tería que aplicarse antes do 1 de xullo na maioría dos órganos dos 38 partidos xudiciais, agás nos das cidades e capitais que teñen de prazo ata o 31 de decembro.
Respecto á nova normativa estatal, analizouse ademais como regula o teletraballo no ámbito da Administración de Xustiza e a acomodación das seccións de Violencia sobre a Muller ás novas competencias atribuídas pola lei que establece que estes xulgados asuman todas as formas de violencia contra a muller, o que suporía, como mínimo, un incremento dun 9% na carga de traballo.
A orde do día de hoxe recolle, por outra parte, a creación de máis dunha vintena de prazas de funcionarios da Administración de Xustiza nos xulgados actuais, tendo en conta que coa reforma lexislativa os rexistros civís contarán con polo menos tres funcionarios que desempeñarán tarefas nestas oficinas e tamén na oficina xudicial e que os destinados aos xulgados de paz con funcionarios de xustiza -agora oficinas de xustiza- van realizar a tramitación procesual nos tribunais de instancia da cabeceira do partido xudicial.
Nesta liña, cómpre lembrar que os orzamentos da Xunta contan con outra partida de 850.000 euros en gastos de persoal de máis dunha vintena de funcionarios -xestores procesuales, tramitadores e auxilios- previstos para tres unidades que, de media, concede o Goberno central cada ano. Pero, como lembrou Diego Calvo, este ano non foi posible arrincar con novas unidades xudiciais debido á falta de orzamentos estatais. Polo tanto, non se puido materializar a petición trasladada o ano pasado na Comisión Mixta de Xustiza para que Executivo estatal lle dea prioridade á posta en marcha dun xulgado de Violencia sobre a Muller no partido xudicial de Santiago de Compostela, que se sume aos operativos nas cidades da Coruña e Vigo, unha proposta que fora desatendida xa no exercicio anterior.
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes informou ademais das melloras previstas pola Xunta nos xulgados galegos, por exemplo, o investimento de máis de 80.000 euros na instalación de case medio cento de desfibriladores en edificios xudiciais ata 2026. Tamén se prevé continuar coa renovación de mobiliario das sedes xudiciais, as melloras nas salas Gesell, a dotación de salas de declaracións e videoconferencias, así como a reforma das salas de detención na Coruña ou Ferrol.
Por outra parte, a Xunta reserva para este 2025 uns 5,6 millóns de euros a proxectos de eficiencia enerxética nunca decena de edificios xudiciais e, do mesmo xeito, aposta pola dixitalización da xustiza dando continuidade ao Plan Senda.