HomeXunta de GaliciaA Xunta aborda vías de cooperación en América latina para desenvolver o...

A Xunta aborda vías de cooperación en América latina para desenvolver o modelo galego de atracción de talento conectado coa demanda das empresas

- Anuncio -spot_img
  • José González reuniuse co embaixador de España en Ecuador e con representantes gubernamentais de Ecuador, Colombia e República Dominicana para explorar novas oportunidades de colaboración en materia de mobilidade laboral
  • O conselleiro subliñou a importancia de avanzar de maneira coordinada co corpo diplomático e coas administracións de orixe para garantir procesos ordenados e beneficiosos tanto para os traballadores como para o tecido produtivo.
  • No marco da folla de ruta galega, trasladou a vontade de reforzar a cooperación cos países hispanoamericanos para crear pontes de oportunidade que contribúan a paliar a falta de man de obra en sectores clave e ao reto demográfico
  • Nesa liña, salientou os avances xa dados nos que se seguirá traballando, como o manifesto de vontades asinado con Colombia, Honduras, Ecuador e Paraguai, que recolle o compromiso de cooperación en emprego e captación de talento exterior
  • Puxo en valor as oportunidades que suporá para Galicia asumir a xestión das autorizacións iniciais de traballo, competencia xa solicitada ao Goberno central e que será clave para potenciar o plan de atracción de talento exterior

No marco da súa participación en Quito no foro internacional de mobilidade laboral organizado polo Goberno do Ecuador e o Banco Mundial, o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, mantivo diversas xuntanzas co embaixador de España en Ecuador, Enrique Yturriaga Saldanha, e con representantes gubernamentais de Ecuador, Colombia e República Dominicana para avanzar na creación de alianzas estratéxicas e abrir novas vías de cooperación en materia de mobilidade laboral, aliñadas coas necesidades de man de obra dos sectores estratéxicos galegos.

En concreto, González mantivo encontros coa ministra de Relacións Exteriores e Mobilidade Humana do Ecuador, Gabriela Sommerfeld; e reunións bilaterais co viceministro de Mobilidade Humana de Ecuador, Saúl Pacurucu; co ministro consejero do Ministerio de Relaciones Exteriores de Colombia, Carlos Molina; e co viceministro de Empleo do Ministerio de Trabajo de República Dominicana, Leonardo Manuel Gil, nas que tamén estiveron presentes outros altos cargos en materia de mobilidade laboral de cada un dos países e representantes do Banco Mundial.

Neste contexto, o conselleiro subliñou a importancia de avanzar de maneira coordinada administracións de orixe, co fin de impulsar un procedemento ordenado e regular, beneficioso tanto para as persoas traballadoras como para o tecido empresarial.

Durante os encontros, González destacou as oportunidades que ofrece o modelo galego de atracción de talento —centrado no retorno da diáspora galega e, como segundo eixo, na incorporación de profesionais de terceiros países— baseado nunha migración controlada, segura e eficaz, vinculada á demanda real das empresas e orientada a favorecer unha integración sociolaboral positiva.

Neste sentido, trasladou a vontade de Galicia de reforzar a colaboración cos países hispanoamericanos para crear pontes de oportunidade que contribúan a paliar a falta de man de obra en sectores clave, ao tempo que se favorece a xeración de sinerxías entre territorios. Nesa liña, salientou os avances xa acadados nos que se seguirá afondando, como o manifesto de vontades asinado o pasado ano cos embaixadores de Colombia, Honduras, Ecuador e Paraguai, que recolle o compromiso de cooperación en materia de emprego, formación e captación de talento exterior e que se agarda estender a República Dominicana.

O conselleiro incidiu en que o obxectivo destes acordos é consolidar un procedemento tutelado desde a súa orixe, no que participen as administracións dos países implicados e as empresas galegas con necesidades de contratación, facilitando a realización de ofertas laborais nos países de procedencia das persoas traballadoras migrantes. Así mesmo, puxo en valor as oportunidades que suporá para Galicia contar coa xestión das autorizacións iniciais de traballo —xa solicitada ao Goberno do Estado—, unha competencia que a Comunidade agarda poder exercer no primeiro semestre do ano.

Proxección internacional do modelo galego

O foro O futuro da migración laboral e da mobilidade de talento en América Latina, organizado polo Goberno do Ecuador e o Banco Mundial, reuniu en Quito a responsables institucionais, organismos multilaterais e expertos de España, Europa e América Latina para analizar os retos e as oportunidades vinculados á mobilidade laboral, á formación en orixe e á captación de talento.

A participación de Galicia neste encontro, xunto co desenvolvemento das reunións bilaterais, reforza o seu posicionamento como territorio de oportunidades e permite seguir avanzando no plan de atracción de talento para dar resposta ás necesidades presentes e futuras do mercado laboral galego.

Publicacións Relacionadas