- O Diario Oficial de Galicia publica hoxe as liñas de subvencións para os proxectos no exterior de ONGD cun orzamento de 4,1M€, doutros axentes de cooperación con 700.000 euros, e como novidade neste ano, para proxectos de apoio a organización feministas e de defensa de dereitos das mulleres con 1,2M€
- O prazo para a presentación de solicitudes comeza mañá e prolóngase un mes
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria de axudas para a execución de proxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior promovidos polos axentes de cooperación, dotada con 6 millóns de euros de orzamento, o mesmo importe que no 2023.
Deste total, 4,1 millóns son para proxectos no exterior de ONGD e 700.000 euros para proxectos no exterior doutros axentes. Como novidade, nesta convocatoria destinaranse 1,2 millóns de euros a unha nova liña de axudas creada para o apoio a organizacións de defensa dos dereitos das mulleres en cumprimento do compromiso adquirido no V Plan Director da Cooperación Galega.
Así, pódense beneficiar da iniciativa as ONGD, as universidades galegas e as súas entidades dependentes, as cooperativas, empresas e asociacións empresariais, as organizacións sindicais, as comunidades galegas no exterior e outros axentes sociais ou entidades que teñan entre os seus fins a cooperación para o desenvolvemento, que estean inscritas no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento, con polo menos un ano de antigüidade. Os proxectos, ademais, deben iniciarse en 2025.
No caso da liña para proxectos de xénero, as entidades solicitantes deberán contar con experiencia na execución deste tipo de iniciativas ou en apoio ao movemento feminista e de mulleres financiados pola Xunta, previa á publicación da convocatoria. Ademais, deberán presentar como contraparte ou socio local unha organización de mulleres que traballe pola promoción dos dereitos da poboación feminina, que leve legalmente constituída como mínimo dous anos e que teña experiencia na execución de cando menos catro proxectos en defensa dos dereitos das mulleres.
Cobertura de necesidades básicas
Coas actuacións previstas preténdese dar cobertura ás necesidades sociais básicas, como a educación e a saúde, o abastecemento de auga e saneamento, a xestión de recursos hídricos ou a habitabilidade e tamén a promoción do tecido económico en materia de agricultura, desenvolvemento rural, pesca e acuicultura.
A través desta orde fináncianse proxectos cuxo obxectivo é o de propiciar o desenvolvemento integral dos países de intervención, contribuír á mellora das condicións de vida dos seus habitantes, e aliviar e corrixir as situacións de pobreza para acadar un desenvolvemento humano solidario.
O período de execución dos proxectos abrangue ata 2026 e pódese solicitar o anticipo previsto para a segunda anualidade cunha porcentaxe de execución da primeira anualidade do 75%. Ademais, permítese presentar a documentación xustificativa nun prazo de tres meses desde que finalicen as actividades subvencionadas e duplícase o período de execución dos proxectos, de tres a seis meses. Estas modificacións resultan da adaptación da nova Lei 10/2021, reguladora da acción exterior e da cooperación para o desenvolvemento da comunidade.
Coa finalidade de acadar unha maior redistribución dos fondos poderanse financiar como máximo dous proxectos, tanto no caso de execución por parte de ONGD como doutros axentes, e ben sexa individuais o en agrupación. Deben cumprir o requisito de que polo menos un dos proxectos sexa executado nun país definido como prioritario no V Plan Director da Cooperación Galega, isto é, Nicaragua, Guatemala, Honduras, O Salvador, A República Dominicana, Perú, Ecuador, Bolivia, Mozambique, Guinea Bissau e Cabo Verde.
A subvención distribúese cun 35% en 2025 e un 65% en 2026. En concreto, cunha dotación de 2,1 millóns neste ano e os 3,9 millóns restantes se reservan para o próximo exercicio.
As entidades interesadas en optar ás axudas deben presentar a solicitude obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal no prazo dun mes contado a partir de mañá.