A Xunta abre a partir de maná o prazo para que os concellos costeiros poidan pedir autorización para explotar servizos de tempada no seu litoral

adminON
Lectura mínima de 4
  • Tras o traspaso a Galicia o pasado 1 de xullo das funcións e servizos para a xestión do litoral, esta é a primeira vez que o Goberno autonómico tramitará de forma directa este tipo de solicitudes na zona de dominio público marítimo-terrestre
  • O anuncio publicado hoxe no Diario Oficial de Galicia fixa un novo prazo de apertura para os chamados chiringuitos de praia, que poderán operar de forma ininterrompida entre o primeiro día do período da Semana Santa e o 31 de outubro de 2026

A Xunta de Galicia abrirá a partir de mañá o prazo de solicitude para que aqueles concellos costeiros interesados en asumir a explotación de servizos de tempada no dominio público marítimo-terrestre (DPMT) dos seus respectivos municipios poidan tramitar a autorización correspondente.

Así se recolle no anuncio publicado hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) para informar sobre os prazos relativos aos servizos, actividades e eventos que se poderán instalar no DPMT de cara á tempada alta do vindeiro ano 2026.

Desde mañá e ata o 3 de novembro, as entidades locais poderán solicitar estas autorizacións, con carácter preferente, a través do procedemento único electrónico (MT701A) habilitado hai uns meses pola Xunta e tomando como referencia a guía e o modelo base para a elaboración do plan de explotación de cada concello —que terá unha vixencia de catro anos—.

Tanto esta guía como o modelo tipo para a elaboración destes plans estarán dispoñibles por primeira vez para todos os interesados no apartado Galicia litoral da páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.

Neste sentido, cómpre subliñar que tras o traspaso efectivo á comunidade o pasado 1 de xullo das funcións e servizos para a xestión do litoral, esta será a primeira vez que o Goberno autonómico asuma a tramitación directa das solicitudes dos concellos interesados na explotación das instalacións, actividades, eventos e servizos de tempada e praia en zona de dominio público marítimo-terrestre do seu termo municipal.

Nestes casos, serán as propias administracións locais as que tramitarán o procedemento para a adxudicación a terceiros dos servizos e actividades que se desenvolverán nesta franxa da costa, incluída a publicación dos correspondentes anuncios, con indicación neles dos prazos para a presentación de ofertas ou solicitudes de participación.

Unha vez pechado este primeiro prazo, preferente e reservado só a concellos, as persoas físicas e xurídicas interesadas en explotar servizos de tempada en terreos do DPMT de municipios que non teñan asumida a súa xestión poderán solicitar á Xunta a autorización a partir do 17 de novembro e ata o 31 de decembro de 2025.

Máis alá das autorizacións en dominio público, cómpre lembrar que como todos os anos mañá tamén se abrirá o prazo para que os particulares ou entidades con intención de explotar un servizo de tempada na zona de servidume de protección da costa poidan presentar a correspondente solicitude de autorización ante a Xunta.

A novidade, neste caso, será que, por primeira vez, poderán facelo a través do novo procedemento único para tramitar en liña a autorización para os distintos usos e ocupacións do litoral.

Por último, o anuncio publicado hoxe no DOG fixa tamén un novo prazo de apertura para os establecementos hostaleiros de tempada (os chamados chiringuitos de praia), que poderán operar por primeira vez de forma ininterrompida entre o primeiro día do período da Semana Santa e o 31 de outubro de 2026.

Comparte este artigo