A Xunta abre mañá o prazo de solicitude para unha bolsa de formación en asuntos europeos na oficina da Fundación Galicia Europa en Bruxelas

adminON
Lectura mínima de 3

— Centrada no ámbito da innovación e a investigación, a convocatoria publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia súmase á aberta o mes pasado para outros catro períodos de prácticas xerais e en comunicación

 — Enmárcase no programa formativo dirixido a promover o contacto cos asuntos europeos e as institucións comunitarias desde unha perspectiva galega

A Fundación Galicia Europa (FGE) abre mañá o prazo de solicitude para optar a unha bolsa de formación por un importe de case 20.000 euros. Segundo recolle o Diario Oficial de Galicia, a medida está dirixida a persoas con título universitario para a realización de prácticas en materia de políticas e programas europeos no ámbito da innovación e a investigación.

O programa formativo da bolsa terá unha duración de 12 meses na propia oficina da FGE en Bruxelas, aínda que coa opción de levar a cabo breves períodos formativos na sede da Axencia Galega de Innovación (Gain) ou noutras dependencias que se determinen. A incorporación da persoa bolseira prevese no mes de setembro deste ano.

As persoas interesadas poden presentar as súas candidaturas no prazo dun mes contado a partir de mañá. As solicitudes deben enviarse a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta. A contía de 20.000 euros investida destínase ao pagamento do salario da persoa beneficiaria, gastos de viaxe, cotas da Seguridade Social e cobertura sanitaria

A iniciativa enmárcase no programa anual de bolsas de formación en proxectos europeos impulsado pola FGE, neste caso centrada no ámbito da innovación e a investigación, así como no seguimento das políticas comunitarias relacionadas coa innovación e a investigación. Súmase polo tanto a outras catro bolsas convocadas o pasado mes, destinadas a titulados universitarios ou con título de técnico superior de Formación Profesional e que suman un importe global superior aos 71.000 euros. Nestes casos, o prazo para presentar as solicitudes permanece aberto ata o 17 de xuño.

Compromiso coa formación

O programa de bolsas é unha iniciativa enmarcada no compromiso coa formación e a sensibilización sobre a Unión Europea en Galicia da FGE, unha das súas catro áreas de actuación. Dende o seu lanzamento hai máis de tres décadas, máis de 500 persoas puideron coñecer de cerca as institucións e políticas europeas, así como o impacto destas na nosa rexión.

A Fundación Galicia Europa (FGE) é unha entidade instrumental do sector público autonómico creada en 1988 co fin de promover todas as accións que propicien o achegamento entre Galicia e Europa. Conta con dúas oficinas: unha presente en Santiago de Compostela e outra en Bruxelas, formando parte esta última das preto de 300 delegacións rexionais establecidas na capital comunitaria.

Comparte este artigo