A Xunta abre un novo prazo de adhesión das entidades colaboradoras ás axudas para facilitar a incorporación ao mercado laboral de novos profesionais do transporte

adminON
Lectura mínima de 5
  • O novo período ábrese desde o luns ata o 15 de outubro para dar resposta á demanda
  •  
  • Ata mediados de setembro sumáronse case medio cento de empresas de formación de condutores e atendendo as súas demandas ábrese este novo período
  • O prazo para que as persoas interesadas poidan optar ás subvencións abriuse o pasado mércores e mantense ata ao 31 de outubro, ou cando se esgoten os fondos
  •   
  • O Goberno galego destina 1M€ a esta medida co obxectivo de contribuír a cubrir os gastos de obtención do certificado de aptitude profesional e dos permisos de condución das clases C e D para mellorar a empregabilidade e paliar a escaseza de condutores para determinados vehículos

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a apertura dun novo prazo para que as empresas de formación de condutores poidan adherirse como entidades colaboradoras ás axudas da Xunta, dotadas cun orzamento de 1 millón de euros, para a realización dos cursos para a obtención do certificado de aptitude profesional (CAP) acreditativo da cualificación inicial e na modalidade de ampliación ou promoción, así como para a obtención dos permisos de condución das clases C e/ou D e para a incorporación de condutores e condutoras profesionais ao mercado laboral.

O novo período ábrese desde o luns ata o día 15 do mesmo mes. Con esta ampliación dáse resposta á demanda das entidades unha vez finalizado o prazo fixado a mediados de setembro. Ata agora xa se adheriron case medio cento de empresas e as que se vaian sumando neste novo período publicaranse tamén na web da Dirección Xeral de Mobilidade

Cómpre aclarar que o prazo para as persoas interesadas mantense como se establecía na convocatoria publicada o pasado agosto, desde o pasado mércores ata ao 31 de outubro deste ano, ou cando se esgoten os fondos. A través da medida cubriranse os gastos subvencionables realizados do 30 de outubro de 2024 ao 30 de outubro de 2025.

Liñas de axuda

A orde inclúe dúas liñas de axuda. Unha delas destínase a subvencionar a obtención dos permisos de condución das clases C, C1, C1+E, C+E, D, D1, D1+E. A outra céntrase nos cursos realizados para a obtención do certificado de aptitude profesional acreditativo da cualificación inicial ou de ampliación ou promoción, para o exercicio da actividade de condutor profesional de determinados vehículos destinados ao transporte de mercadorías ou de viaxeiros por estrada.

O importe máximo a percibir por persoa será de 1.200 euros, tanto para a obtención do permiso de condución das clases C, C1, C+E, C1+E e/ou D, D1, D+E, D1+E como para a do certificado de aptitude profesional (CAP). Na modalidade de ampliación ou promoción a contía máxima será de 300 euros. En todo caso, a axuda non pode exceder o total abonado polo alumnado nin superar os 3.900 euros no caso de percibir axudas a través das dúas liñas.

A medida vai dirixida a persoas maiores de 18 anos e empadroadas en Galicia con anterioridade ao 30 de outubro de 2024. Deberán ter abonados os custos dos cursos, da matrícula e das clases de condución. Os cursos para a obtención do certificado de aptitude profesional e dos permisos de conducir das clases C ou D teñen que realizarse en Galicia, a través das empresas autorizadas como centros de formación CAP ou autoescolas.

Con esta medida, a Xunta pretende dar resposta ás queixas recorrentes do sector do transporte de mercadorías e de viaxeiros por estrada, debido á carencia de persoal que cumpra cos requisitos legais esixidos para o desenvolvemento da condución de determinados vehículos. Trátase tamén de mellorar as posibilidades de empregabilidade dun sector da poboación, ampliando as súas competencias e o seu currículo, como elemento de profesionalización, e promover a súa incorporación ao mercado laboral.

Cómpre lembrar que estas axudas súmanse ás impulsadas pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para a obtención dos permisos de condución A2 e B para a mocidade galega. Neste caso, o obxectivo é contribuír á mellora das posibilidades das persoas mozas de ata 30 anos en situación de desemprego, na medida en que se lles facilita un instrumento que amplía as súas competencias e o seu currículo como elemento de profesionalización, ademais de incidir positivamente na súa autonomía persoal.

Comparte este artigo