A Xunta achega a acción climática ao alumnado de Educación Infantil coa iniciativa Contos polo Clima

Redacción

—   Nicolás Vázquez Iglesias estivo presente na lectura de ‘O noso clima’ un relato que narra a historia de dous irmás arxentinos que se mudan a Galicia e descobren as peculiaridades climáticas, a fauna e a flora da Comunidade

—   Subliña que a iniciativa forma, sensibiliza e compromete o futuro na loita contra o cambio climático dos máis pequenos e crea unha conciencia ambiental arraigada  no coñecemento e valoración do clima, do territorio e do patrimonio natural galego

—   O proxecto está enmarcado dentro do programa Mocidade polo clima dirixido a nenos e mozos de entre 3 e 35 anos para fomentar o seu talento, capacidade de innovación e participación activa neste eido

A Xunta salienta a importancia de achegar a acción climática a todas as xeracións co lanzamento de Contos polo clima, unha nova iniciativa destinada ao público máis novo, concretamente ao segundo ciclo de educación infantil.

O conselleiro de Medio Ambiente e Cambio Climático, Nicolás Vázquez Iglesias, visitou esta mañá o CEIP Plurilingüe Mestre Ramiro Sabell Mosquera de Ponteareas onde participou na lectura do primeiro dos libros deste proxecto titulado O noso clima, un conto que relata a historia de dous irmás arxentinos netos de galegos, que se trasladan a Galicia desde a Arxentina e van percorrendo a Comunidade descubrindo as súas peculiaridades.

Nicolás Vázquez subliñou que esta iniciativa se enfoca nos máis pequenos para formar, sensibilizar e comprometer no futuro da loita contra o cambio climático aos que serán os adultos de mañá, ademais de crear unha conciencia ambiental arraigada no coñecemento e valoración do clima, do territorio e do patrimonio natural de Galicia.

Así, o proxecto abordará o clima da Comunidade e os fenómenos meteorolóxicos cos nenos e nenas de entre 3 e 6 anos e favorecerá a observación, a exploración e a comprensión da contorna natural desde cada un dos sectores nos que traballa a Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía.

Neste senso, o conselleiro puxo en valor o traballo dos 27 centros educativos e dos docentes participantes, que recibirán o conto, un panel de rexistro do tempo e unha guía didáctica con distintas propostas de actividades para complementar a lectura para os máis de 1.100 alumnos e alumnas que forman parte desta iniciativa.

Nesta liña, subliñou que o proxecto serve para que os nenos e nenas descubran a través dos ollos doutros cativos (os protagonistas do conto) detalles sobre o medio ambiente que forman parte do seu día a día e aos que antes non lles prestaban atención ou que descoñecían.

Tres eixos integrais de actuación

Ademais, o conselleiro lembrou que Contos polo clima se enmarca dentro do programa Mocidade polo clima, impulsado pola Xunta en novembro do 2024 coa previsión de formar, informar e mobilizar fronte ao cambio climático cada ano a miles de galegos de entre 3 e 35 anos a través de diferentes liñas de acción e actuacións coas que se busca fomentar o seu talento, capacidade de innovación e participación activa fronte ao quecemento global.

Na práctica, estase desenvolvendo unha estratexia integral dividida en tres eixos de actuación complementarios: formación desde a etapa de educación infantil ata a universidade a través de programas como este Contos polo clima ou MeteoEscolas; información e divulgación canalizada vía visitas con relatores de referencia na materia, obradoiros en centros educativos ou visitas a empresas como Inspiradores polo clima; e acción a través do fomento da participación e do compromiso entre a mocidade coa mobilización da Van polo clima en campos de voluntariado, festivais de música e campamentos de verán.

Para concluír, Vázquez Iglesias incidiu en que estas tres liñas de actuación teñen o reto común de axitar conciencias e converter ás novas xeracións en auténticos líderes da acción climática, participando e contribuíndo para seguir construíndo unha Galicia neutra en emisións.  

Comparte este artigo