- O director xeral de Xustiza participou nunha xornada impulsada pola Fegamp para informar das oficinas de xustiza nos municipios
- O obxectivo é situar a cidadanía no centro dos servizos da Administración de Xustiza, cunha atención máis próxima, segura e accesible
O director xeral de Xustiza, José Tronchoni, participou hoxe na Xornada Informativa sobre as principais novidades da entrada en vigor da lei Orgánica 1/2025, do 2 de xaneiro de medidas en materia de eficiencia do Servicio Público de Xustiza, impulsada pola Federación Galega de Municipios e Provincias para abordar as características das novas oficinas de xustiza nos municipios. Tal e como establece a norma, estas unidades estarán en funcionamento o 1 de xullo en 38 partidos xudiciais dos 45 existentes en Galicia, xa que para as oficinas situadas nas sete cidades galegas a fase de implantación remata o 31 de decembro.
Na súa intervención, José Tronchoni destacou a importancia das novas oficinas de xustiza nos municipios, xa que con elas os actuais xulgados de paz evolucionan para facilitar unha maior proximidade á cidadanía e permiten dispoñer de servizos en todo o territorio, especialmente no rural para evitar o despoboamento. “Estas oficinas asumen a asistencia a xuíz de paz e colaboran co Rexistro Civil, ademais de realizar outras funcións administrativas para achegar os servizos públicos á veciñanza do propio concello e da área de influencia”, apuntou.
O director xeral incidiu en que estes espazos, configurados como a porta de acceso á Administración de Xustiza, son os que rexistran máis novidades coa reforma, xa que, ademais de manter os actuais servizos, amplían o catálogo de xestións nos concellos con menos poboación e cunha atención máis próxima. Así, co obxectivo de evitar que as persoas residentes nestes municipios teñan que desprazarse para realizar xestións presenciais, dotaranse dos medios tecnolóxicos necesarios para intervir a distancia nos actos procesuais.
Deste xeito, búscase situar a cidadanía no centro do servizo, aproveitando a situación de proximidade destas oficinas e impulsando a confianza, a seguridade e a accesibilidade, ao tempo que se reforza a conexión con outras administracións.
Preto de 270 oficinas en Galicia
Segundo sinalou José Tronchoni, cada municipio onde non teña a súa sede un tribunal de instancia existirá unha oficina de xustiza, que prestará servizos na localidade onde se atope situada. En Galicia suman 268 oficinas, que teñen como prioridade prestar un servizo á Administración de Xustiza e amplían tamén a súa actividade ao resto das administracións públicas.
No que se refire aos medios materiais, avanzou que a Xunta lles pedirá aos concellos información sobre as súas necesidades para dotar estas oficinas dos recursos precisos, a maiores dos que xa dispuxesen como xulgados de paz, de cara á implantación progresiva das novas funcións. As administracións locais deberán dispoñer dun espazo acondicionado e no que se garanta a conectividade, a seguridade e a privacidade precisas para as diferentes xestións.
A maiores, Tronchoni referiuse ao especial esforzo que supón para a comunidade a implantación desta reforma, realizada seguindo o modelo de referencia aprobado en Conferencia Sectorial de Xustiza, polo elevado número de partidos xudiciais, a dispersión territorial e a diferente tipoloxía. Con todo, incidiu en que a Xunta está a executar os pasos para garantir o cumprimento dos prazos e xa a comezos deste mes publicou no Diario Oficial de Galicia as distintas resolucións polas que se aproban o deseño e estrutura organizativa das oficinas xudiciais e as relacións de postos de traballo dos rexistros civís, das oficinas de xustiza e das oficinas de xustiza nos municipios.