HomeA CoruñaA Xunta acorda co concello de Curtis a creación dun novo servizo...

A Xunta acorda co concello de Curtis a creación dun novo servizo de interese municipal para mellorar o transporte do Instituto do concello con Teixeiro

- Anuncio -spot_img

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e o alcalde de Curtis, Javier Caínzos, formalizaron hoxe coa UTE Hércules o convenio de colaboración para impulsar a creación dun servizo de interese municipal (SIMU) que ampliará a oferta de transporte público nesta localidade. Tamén estivo presente a directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela.

Así, ao abeiro deste acordo, habilitarase desde o próximo 8 de xaneiro, coincidindo coa volta ás aulas tras as vacacións de Nadal, tres novas expedicións co obxectivo de mellorar a conexión do IES de Curtis con Teixeiro en horario escolar. Deste xeito, créanse tres novas expedicións, a primeira das cales sairá de Teixeiro ás 08,10 horas de luns a venres e completarase un servizo de volta ás 14,15 horas. Ademais, os luns haberá unha conexión adicional pola tarde que chegará ao instituto ás 18,20 horas.

Os servizos do convenio SIMU incluiranse nas concesións que xa operan no marco do Plan de Transporte Público de Galicia. Neste caso, o servizo será prestado pola UTE Hércules, no marco da concesión Sur da comarca de Betanzos do Plan de Transporte Público de Galicia.

A responsabilidade do financiamento dun SIMU recae sobre o concello e o convenio estima custe anual duns 17.000 euros, unha vez descontada a estimación de ingresos, e cunha vixencia ata decembro de 2026, coa posibilidade de prorrogarse ata un máximo de catro anos adicionais.

Pola súa banda, a Xunta aplicará ao novo servizo o mesmo sistema tarifario integrado que rexe no conxunto da rede autonómica de transporte público. Isto permitirá ás persoas usuarias beneficiarse das mesmas bonificacións vixentes, entre elas a gratuidade de ata 60 viaxes mensuais para menores de 21 anos a través da tarxeta Xente Nova e o mesmo para as persoas maiores de 65 anos con tarxeta Transporte de Mobilidade de Galicia (TMG) ás que se lles aplica a tarifa +65. No caso da Tarxeta Xente Nova, esta medida favorecerá especialmente ao alumnado do IES de Curtis que empregue esta liña.

A posta en marcha deste SIMU suporá un novo avance na consolidación dunha rede pública de transporte máis próxima e adaptada ás necesidades reais da veciñanza, en liña coa estratexia da Xunta de fomentar a mobilidade sostible e cooperar cos concellos galegos na mellora dos servizos públicos. O obxectivo destes servizos SIMU é precisamente complementar a oferta de servizos que presta o transporte público autonómico para atender as necesidades específicas de Curtis, contribuír á redución do uso de vehículos particulares e fomentar a mobilidade sustentable.

A información actualizada sobre os servizos estará dispoñible para a súa consulta na páxina web www.bus.gal.

Publicacións Relacionadas