- Incídese na importancia de seguir as medidas de protección e de extremar as precaucións, e aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.axega112.gal), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese
- Co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, o Goberno galego informou da situación aos concellos da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros
A Xunta activa para mañá pola tarde a alerta laranxa por temporal costeiro no litoral noroeste da provincia da Coruña e na costa da de Lugo.
Co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, informou da situación a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia aos concellos das provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros.
Por este motivo, a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, tamén anunciou desde a Secretaría Xeral para o Deporte a suspensión da actividade deportiva federada no mar nos concellos afectados desde as 15,00 horas do mércores ata as 09,00 do xoves.
Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), o fenómeno meteorolóxico adverso estará activo desde mañá pola tarde, pasando a nivel laranxa o litoral noroeste da Coruña e toda a costa lucense por mar combinada con ondas de ata sete metros e ventos de forza 8, chegando localmente a forza 9 mar adentro.
A Xunta lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa, isto é, diques, rompentes e paseos marítimos. Tamén que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.
Aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.axega112.gal), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese.



