A Xunta activa a alerta laranxa por chuvias no oeste da Coruña

adminON
Lectura mínima de 3

― Cómpre lembrar que se mantén desde esta tarde o nivel de aviso laranxa por temporal costeiro no litoral da Coruña e en Pontevedra

― Incídese na importancia de seguir as medidas de protección e de extremar as precaucións, e aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.axega112.gal), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese

― Co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, o Goberno galego informou da situación aos concellos da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros

A Xunta vén de activar desde esta madrugada a alerta laranxa por chuvias no oeste da Coruña e ademais mantense o nivel de aviso tamén laranxa por temporal costeiro nas provincias da Coruña e Pontevedra.

Co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, informou da situación a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia aos concellos da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros. Ademais, a Consellería, tamén anunciou desde a Secretaría Xeral para o Deporte a suspensión da actividade deportiva no mar nos concellos afectados.

Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), as precipitacións afectarán ao oeste da Coruña desde esta madrugada e prevense chuvias acumuladas ao longo da xornada de mañá de 80 milímetros en 12 horas. Tanto hoxe como mañá no oeste e suroeste da Coruña e na provincia de Pontevedra a alerta será amarela por choivas e por vento en Coruña, na Mariña lucense, no interior de Pontevedra e na montaña de Ourense.

Canto ao temporal costeiro, a alerta laranxa estará activa desde a tarde de hoxe en toda a costa coruñesa por vento do sur ou suroeste de forza 8 e con mar combinada do suroeste con ondas de ata cinco metros. O litoral pontevedrés, que hoxe está en alerta amarela, pasará a nivel laranxa a primeiras horas da xornada de mañá.

A Xunta lembra a importancia de circular con precaución ante as intensas precipitacións e informarse antes do estado das estradas, non atravesar zonas inundadas ou que poidan chegar a asolagarse e non aparcar nas ribeiras dos ríos.

Canto ao temporal costeiro, recoméndase manterse afastado da liña de costa, isto é, diques, rompentes e paseos marítimos. Tamén que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.

Aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.axega112.gal), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese.

Comparte este artigo