- A maiores, tamén se aplicarán medidas equivalentes no subsistema de Baiona, desde o cal se abastece a poboación deste municipio pontevedrés
- Os técnicos adoptan esta decisión ante o descenso do caudal circulante rexistrado nas zonas sinaladas desde xullo, polo que nas próximas semanas se intensificará o seguimento das previsións meteorolóxicas e dos niveis de ríos e encoros
- A situación actual nestes sistemas débese á ausencia de chuvias nas últimas semanas e ás elevadas temperaturas rexistradas, que incrementan a evaporación
- O resto de unidades territoriais da Demarcación Galicia-Costa seguen en situación de normalidade, cunha ocupación dos encoros de abastecemento do 84,32%
- Augas de Galicia comunicou esta mañá a declaración do estado de prealerta aos 20 concellos afectados, nos que se aconsella adoptar medidas de aforro de auga
A Xunta activa a situación de prealerta por escaseza moderada de auga nos sistemas do río Lérez, na provincia de Pontevedra, e do río Grande, en Camariñas. Así o acordou hoxe a Oficina Técnica da Seca, que estivo presidida por vía telemática polo director de Augas de Galicia, Roi Fernández, e que contou tamén coa participación do xerente do organismo hidráulico, Gonzalo Mosqueira, e doutros cargos directivos, así como de representantes de Protección Civil, de MeteoGalicia e das Consellerías de Sanidade e Medio Rural.
Deste xeito, malia non advertirse unha situación de seca prolongada en ningunha das bacías da Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa, a Oficina Técnica da Seca decidiu adoptar esta medida precautoria en dúas delas: a do río Lérez e ría de Pontevedra e a do río Grande, ría de Camariñas e Costa da Coruña ata o Anllóns. A maiores, acordouse activar tamén a aplicación de medidas equivalentes a un escenario de prealerta (pero sen chegar a declarala) no subsistema de Baiona, pertencente á unidade territorial río Verdugo e desde o cal se abastece a poboación deste municipio pontevedrés.
Durante a reunión, os técnicos tiveron en conta tanto datos meteorolóxicos —os correspondentes ao mes de xullo e as previsións de cara a agosto—, como a evolución dos caudais circulantes mensuais nos ríos da conca e outros indicadores de seca e escaseza, segundo o protocolo establecido no Plan especial de seca de Galicia-Costa.
Así, os membros da Oficina Técnica da Seca constataron un importante descenso do caudal circulante nestes ríos desde mediados do mes pasado, provocado fundamentalmente por unha combinación de falta de precipitacións e elevadas temperaturas, o que incrementa a evaporación da auga. Así mesmo, no caso de Pontevedra e do subsistema de Baiona tamén se valorou o aumento de poboación que experimentan durante o verán os concellos que dependen dos encoros destas zonas.
Por todo o exposto e tendo en conta as previsións meteorolóxicas para a primeira metade de agosto, que anticipan un escenario marcado polas altas presións e o tempo seco, acordouse decretar a prealerta por seca nas dúas unidades territoriais sinaladas, mentres que no resto se mantén a situación de normalidade.
De feito, segundo os datos que se expuxeron durante a reunión, a ocupación actual dos encoros de abastecemento en Galicia-Costa sitúase no 84,32%, sendo un 7,19% inferior á do ano pasado pero só un 1,74% inferior á ocupación media nos últimos 10 anos.
Implicacións da declaración
A situación de prealerta por escaseza de auga implica a realización dun seguimento intensivo da situación meteorolóxica e os niveis de ríos e encoros dos sistemas afectados da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa, así como das posibles incidencias que se detecten. Ademais, prevense medidas de concienciación dirixidas á cidadanía.
Neste contexto, Augas de Galicia intensificará o labor de control do estado dos sistemas de abastecemento e dos propios ríos. En concreto, os 20 concellos afectados pola prealerta son Barro, Bueu, Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade, A Estrada, Forcarei, Marín, Meaño, Moraña, Poio, Ponte Caldelas, Pontevedra e Sanxenxo, no caso da UTE río Lérez; e Cabana de Bergantiños, Camariñas, Laxe, Muxía, Vimianzo e Zas, pertencentes á conca do río Grande. A maiores, tamén se lle comunicará ao concello de Baiona.
Nestes municipios recoméndase á poboación realizar un uso o máis responsable posible da auga, evitando as actividades que máis consumo xeran, como o enchido de piscinas ou o rego con auga potable así como ter especialmente presentes as boas prácticas no fogar, como ducharse en vez de bañarse, utilizar as funcións eco dos electrodomésticos ou evitar malgastar recursos pechando a billa cando non se estea utilizando.
A Oficina Técnica da Seca tamén recomenda aos concellos afectados pola prealerta que minimicen os consumos municipais de auga que non sexan esenciais, como o baldeo de rúas, o rego de parques e xardíns ou as duchas de auga potable das praias. Nesta liña, e tal e como establece o Plan especial de seca da Demarcación Galicia-Costa, o organismo hidráulico informou esta mañá por escrito da declaración de prealerta aos alcaldes dos municipios incluídos nas unidades territoriais do Lérez e do río Grande, así como ao de Baiona, onde se acordou aplicar medidas equivalentes.
O organismo hidráulico autonómico tamén traslada nesta comunicación aos concellos as medidas que propón adoptar neste estado de prealerta, entre as que que se inclúe o incremento da frecuencia do control e vixilancia dos indicadores e o intercambio e actualización de información da evolución dos caudais.
Tamén se incide na concienciación cidadá sobre a escaseza de auga e da necesidade de fomentar o aforro, a través de campañas e bandos municipais. A maiores, dentro do espírito de colaboración, desde a Xunta solicítase a implicación dos concellos para establecer as medidas que consideren apropiadas, no marco das súas competencias, e levar a cabo un labor de sensibilización da veciñanza e un control axeitado dos usos da auga que se realicen no seu ámbito de influencia.
No escrito pídeselles igualmente aos concellos que anticipen as decisións que consideren oportunas en caso de que a situación se vexa agravada e que comuniquen a Augas de Galicia calquera incidencia que se produza no seu municipio.
A Xunta, mediante o seguimento que fai a través da Oficina Técnica da Seca, traballa para adiantarse e adoptar medidas ante un posible episodio futuro de escaseza de auga así como a toma de conciencia sobre a necesidade de facer un consumo responsable.