— O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o Decreto polo que se modifica o Decreto polo que se crea e se regula o Rexistro de Parellas de Feito de Galicia
— Apóstase por unha maior funcionalidade e simplicidade tanto para a cidadanía como para o persoal que deba aplicar a norma
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o Decreto polo que se modifica o Decreto 248/2007, do 20 de decembro, polo que se crea e se regula o Rexistro de Parellas de Feito de Galicia. O obxectivo das modificacións é facilitar a tramitación e adaptar o texto tanto ás novas tecnoloxías como aos últimos cambios normativos. Apóstase así por unha maior funcionalidade e simplicidade, tanto para a cidadanía como para o persoal que deba aplicar a norma.
Entre as novidades está a de establecer a posibilidade de que as solicitudes nas distintas fases do procedemento se poidan presentar de xeito telemático. Deste xeito, a inscrición, modificación e cancelación de parellas de feito poderase facer consonte ás leis de procedemento administrativo común e da administración dixital de Galicia.
Ademais, a reforma permitirá darlle resposta ás principais incidencias recollidas nos rexistros e que teñen relación coa achega do certificado rexistral de fe de vida e estado, coa acreditación da veciñanza civil galega e coa falta de fixación temporal do tempo mínimo de convivencia. Outra das dificultades máis detectadas está relacionada coa interpretación do artigo 11 do regulamento de parellas de feito de Galicia, que recolle os requisitos comúns das solicitudes de inscrición. As dúbidas céntranse na documentación que se require en cada rexistro para acreditar o cumprimento de todos os requisitos.
Nesta liña, introdúcese unha nova redacción do artigo para determinar a documentación acreditativa de todos os requisitos esixidos que as persoas interesadas deben achegarlle ao rexistro e harmonízanse os criterios de interpretación entre os catro rexistros de parellas de feito de Galicia.
Artigos con modificacións
Segundo o texto publicado hoxe, o Proxecto de Decreto polo que se modifica o Decreto 248/2007, do 20 de decembro, polo que se crea e se regula o Rexistro de Parellas de Feito de Galicia estrutúrase nun artigo único que modifica os artigos 5, relativo aos requisitos para a inscrición, 8, sobre publicidade e cesión de datos, 9, referido ás solicitudes, lugar e forma de inscrición, 10, sobre a lexitimación para solicitar as inscricións, e 11, dos requisitos comúns das solicitudes de inscrición
A redacción tamén varía no caso dos artigos 17, relativo á tramitación da solicitude, 19, sobre resolución, prazo, motivación e notificación, e 24, de corrección de erros. Pola súa banda, os artigos 13 e 14 engaden incisos finais sobre a posibilidade de consulta automática dos documentos de identidade. No artigo 21 modifícase o punto 2, sobre a inscrición, ao igual que no 23, sobre a cancelación, e no 26 cambia o punto 1 sobre o acceso á información.
A maiores, modifícanse as disposicións adicionais primeira e segunda da norma en vigor, sobre formularios e datos de carácter persoal, respectivamente, e os anexos I a VI do decreto. Ademais, incorpórase o artigo 16 bis, referido a trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude, a disposición adicional terceira, sobre referencias aos departamentos territoriais, unha disposición transitoria, unha disposición derrogatoria e mais unha disposición derradeira única de entrada en vigor. Engádese tamén o anexo VII.

