HomeXunta de GaliciaA Xunta acusa ao Goberno Central de atrasar a aplicación das...

A Xunta acusa ao Goberno Central de atrasar a aplicación das medidas beneficiosas para Galicia en dependencia e enerxia

- Anuncio -spot_img
  • O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes abordou no Parlamento as consecuencias dos recursos de inconstitucionalidade presentados contra iniciativas pioneiras do Goberno galego nestas materias
  • En dependencia vétase un plan de choque que xa logrou que se lle recoñecese o grao de discapacidade sen ter facer trámites a máis de 10.200 persoas dependentes
  • No sector eólico impídese reducir o impacto dos aeroxeneradores no territorio e aumentar a enerxía renovable

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acusou o Goberno central de atrasar a aplicación de medidas beneficiosas para a cidadanía galega ao presentar recursos de inconstitucionalidade contra iniciativas pioneiras na xestión da dependencia e da enerxía eólica. Para o conselleiro, trátase dun novo “boicot a Galicia”, no marco dunha estratexia estatal que só busca “enfrontar para dividir, discriminar e castigar”.

Así, no eido da dependencia, o Executivo estatal intenta vetar un plan de choque que xa logrou axilizar as valoracións e que se lle recoñecese o grao de discapacidade sen ter que facer trámites a máis de 10.200 persoas dependentes. Por iso, considera “sorprendente” esta decisión cando o Goberno central calcou esta medida pioneira na súa modificación da Lei de Dependencia, pese a que o fixo de maneira “menos ambiciosa” ao outorgarlles ás persoas dependentes de grao 3 o 65% da discapacidade, mentres que en Galicia se lles recoñece o 100%. Nesta liña, cómpre aclarar que o recurso presentado polo Goberno de Sánchez provocará a paralización e retraso na percepción de axudas, xa que obriga aos solicitantes a pasar unha segunda valoración.

No que se refire ao sector eólico, sinalou que agardar o pronunciamento do Tribunal Constitucional suporá a suspensión inmediata da repotenciación dos parques e unha nova paralización dun sector “no que fomos punteiros” e que se suma á parálise dos últimos anos. Segundo indicou, isto impedirá reducir o impacto dos aeroxeneradores no territorio e no medio ambiente. Desta maneira, limítanse as opcións de abaratar a factura da luz aos galegos e impulsar o interese das empresas para instalarse en Galicia ou ampliar as súas industrias. Polo tanto, como indicou o conselleiro, “os que non entenden este boicot son os galegos e galegas”, aos que “se lles impide beneficiarse destas medidas”.

Diego Calvo sumou esta actuación á lista de agravios do Goberno central a Galicia, como fixo coa Lei de litoral, contra a que tamén presentou un recurso de inconstitucionalidade e no que o Tribunal Constitucional lle deu a razón á comunidade galega. Nesta liña, referiuse tamén aos numerosos agravios en materia de mobilidade, de infraestruturas ou de financiamento ou as continuas prorrogas sobre o debate da transferencia da AP-9 no Congreso.

Valoración da situación en Palestina

Na sesión parlamentaria de hoxe, o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes respondeu unha pregunta sobre a situación en Palestina, incidindo no rexeitamento ao conflito e na condena tanto da traxedia que se vive en Gaza como dos ataques do grupo terrorista Hamás. Diego Calvo criticou a actitude da oposición con este tema, ao tempo que amosou o apoio da Xunta á resolución do conflito.

Publicacións Relacionadas