― Para garantir os desprazamentos dos usuarios, a Xunta realizou axustes nestas liñas nos dous municipios afectados
― As adaptacións manteranse vixentes ata o remate das obras promovidas pola Deputación Provincial de Pontevedra
― Os usuarios poden revisar na páxina web www.bus.gal os horarios de paso polas paradas habituais para comprobar os posibles cambios
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade adaptará a partir deste luns, 18 de setembro, os servizos das 9 liñas de autobús afectadas polas obras da estrada provincial EP-8504, que vai iniciar a Deputación Provincial de Pontevedra nos concellos de Padrón e de Valga.
A Xunta, para facilitar os desprazamentos dos cidadáns, vai realizar as adaptacións necesarias nas nove liñas afectadas polo corte da estrada: Sixto-Centro Médico; Senín-Padrón E.A.; Padrón E.A.-Pontevalga-Cerneira-Cordeiro-Campaña-C.Extrugasa-Senín; Cerneira- Sixto-Padrón E.A.; Senín-Padrón E.A.; CEIP de Baño-Xanza-Barro; IES de Valga-Barro; Centro Médico-Sixto; e IES Valga-Barro.
Os usuarios destas liñas, antes de realizar as súas viaxes, deben revisar os horarios de paso polas paradas habituais para comprobar os posibles cambios derivados do corte na estrada.
Estas modificacións permanecerán vixentes ata o remate das obras e estarán dispoñibles para a súa consulta na páxina web www.bus.gal, xunto con outra información de interese de cara á planificación das viaxes.