- A adxudicataria dispón de tres meses para artellar o documento estratéxico que agrupe aportacións de expertos e medidas transversais dos departamentos autonómicos
A Xunta de Galicia ven de adxudicar, por preto de 50.000 euros, a elaboración e redacción da nova Estratexia Galega da Paisaxe Horizonte 2030, que estará aprobada en 2026 para substituír á que está en vigor nestes últimos cinco anos.
O obxectivo principal deste contrato, que ten un prazo de execución de tres meses contados a partir da data de sinatura, é prestar apoio ao Instituto de Estudos do Territorio (IET) co fin de realizar os traballos necesarios para configurar e elaborar o documento estratéxico que agrupe aportacións de expertos e medidas transversais dos departamentos autonómicos en materia paisaxística.
Entre os traballos a desenvolver pola adxudicataria está previsto que concrete todas as liñas de acción que materializarán as políticas autonómicas neste eido, de acordo coa Lei 7/2008 de protección da paisaxe de Galicia, e o seu regulamento.
Outra das tarefas será identificar as actuacións dos diferentes departamentos da Xunta que, pola súa natureza ou polos obxectivos que teñan definidos, concorden coas liñas de acción das políticas de paisaxe; así como as actuacións doutras administracións que, de ser o caso, sexan susceptibles de xerar posibles mecanismos de colaboración. Asemade, realizará un diagnóstico de situación das actuacións definidas ou localizar axentes públicos ou privados que poidan resultar claves para o seu desenvolvemento, entre outras.
Dende o ano 2011, a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático está a desenvolver unha estratexia orientada á posta en valor, protección e recuperación dos valores paisaxísticos da Comunidade.
Trátase dunha política transversal a todos os departamentos, incidindo nun conxunto de accións e medidas para integrar a paisaxe nas políticas territoriais e urbanísticas, e tamén nas ambientais, do patrimonio cultural, agrícolas, forestais, sociais, turísticas, industriais e económicas, así como en calquera outra política sectorial que poida producir un impacto directo ou indirecto na paisaxe.
Así, a primeira Estratexia galega da paisaxe referíase ao período 2012-2016, e tras aprobar varias actualizacións sucesivas, a Xunta afronta agora os traballos necesarios para a elaboración e redacción do que será o cuarto documento marco en materia paisaxística, co horizonte posto no ano 2030. A previsión é que a nova estratexia poida estar lista e aprobada a finais de 2025, cun período de vixencia de cinco anos.

