Esta nova instalación para compostaxe dará servizo a unha quincena de concellos do arco cantábrico e sumarase ás proxectadas en Vilanova de Arousa e Verín, así como á que xa está en funcionamento no complexo medioambiental de Cerceda
A Xunta de Galicia acaba de formalizar o contrato de redacción do proxecto básico para construír unha nova planta de compostaxe de biorresiduos no concello de Cervo (Lugo), a terceira das catro instalacións deste tipo que ten previsto poñer en marcha no conxunto da Comunidade. A actuación foi adxudicada por un importe de 96.800 euros, IVE incluído, e ten un prazo de execución dun mes.
A futura instalación estará localizada no polígono de Cuíña e o obxectivo é que poida dar servizo a 15 concellos do arco cantábrico galego, beneficiando a unha poboación estimada de 70.000 habitantes. En canto á súa capacidade de tratamento, prevese que poida recibir un total de 3.000 toneladas (Tn) ao ano de fracción orgánica de residuos domésticos e outras 1.600 Tn procedentes de podas e restos de madeira.
Con todo este material, estímase que poderá acadarse unha produción anual de 1.500 Tn de compost de alta calidade, que se destinarán ao sector da agricultura como abono natural e sostible, en substitución dos fertilizantes artificiais.
A planta deseñarase para que poida abranguer a totalidade do proceso de compostaxe dos residuos recibidos, comprendendo as fases de pretratamento, fermentación, maduración e almacenamento, así como os correspondentes tratamentos de aire e de augas. Este proceso levarase a cabo en naves pechadas, facendo uso en todo momento das últimas tecnoloxías de tratamento, control de cheiros e ruído, e a operativa industrial da instalación alimentarase con enerxía renovable (a través de paneis solares, fundamentalmente).
En total, o investimento previsto pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para poñer en marcha a nova instalación en Cervo ascende a 5,5 millóns de euros e os seus beneficios faranse notar no propio municipio pero tamén nas vilas localizadas dentro do seu radio de influencia e ás que dará servizo. Neste sentido, a previsión é que, unha vez entre en servizo, a planta poida dar emprego a entre 8 e 10 persoas da zona.
Pulo ao tratamento da fracción orgánica
A instalación proxectada en Cervo é unha das tres novas plantas destinadas ao tratamento e xestión dos biorresiduos domésticos que promove a Xunta e que se sumarán á que xa está en funcionamento no complexo medioambiental de Sogama en Cerceda. Deste xeito, e co obxectivo de que cada provincia conte cunha instalación deste tipo, as outras dúas novas plantas de biorresiduos localizaranse en Vilanova de Arousa –cuxo proxecto básico tamén foi adxudicado a principios de marzo- e Verín –actualmente, en proceso de licitación-.
Para seguir avanzando cara a un modelo moderno e eficaz na xestión dos residuos, a Consellería reservou nos seus orzamentos deste ano 25 millóns de euros para fomentar a compostaxe coa construción destas tres novas plantas destinadas aos biorresiduos domésticos, unhas infraestruturas que, sumadas ás plantas privadas existentes de carácter industrial, poderán garantir unha rede de instalacións que dea servizo a toda a Comunidade.