- A finalidade é ofrecer este servizo presencial en Cíes e Ons nas épocas do ano nas que se concentra a maior afluencia de visitantes
- A maiores, tamén se disporá de enfermeiros durante as xornadas nas que se realicen excursións organizadas a calquera dos catro arquipélagos fóra da tempada alta
A Xunta adxudicou por preto de 175.000 euros o contrato para garantir a asistencia sanitaria presencial aos visitantes no Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia ao longo deste ano e tamén do seguinte.
A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático garante deste xeito a dispoñibilidade deste servizo as 24 horas do día no caso de Cíes e de Ons coincidindo cos dous períodos de tempada alta nos que existe transporte regular ás illas e nos que o límite de visitantes é maior: do 15 de maio ao 30 de setembro e durante os 10 días da Semana Santa.
A maiores, a adxudicataria do contrato tamén se fará cargo da asistencia sanitaria que poida ser necesaria durante as excursións organizadas a calquera dos catro arquipélagos que integran o Parque Nacional (Cíes, Ons, Cortegada e Sálvora). En total, cada ano organízanse 20 viaxes deste tipo ás illas fóra de tempada alta.
Para garantir unha correcta prestación do servizo e cubrir as correspondentes quendas de traballo, o contrato require un mínimo de catro diplomados ou graduados en Enfermería. Ademais, a empresa debe contar cunha persoa que teña experiencia coordinando equipos no ámbito sanitario en espazos remotos.
Neste sentido, nas épocas sinaladas a asistencia prestarase durante todo o día, con 8 horas de servizo presencial no punto de primeiros auxilios ou na caseta de enfermería existentes en Cíes e en Ons. Así mesmo, en caso de que xurda unha incidencia noutro lugar destes arquipélagos, o persoal sanitario desprazarase ata alí xunto con traballadores do propio parque ou doutros servizos de emerxencias.
Co fin de poder desenvolver correctamente o seu traballo, o contrato exixe que en cada un dos postos de primeiros auxilios haxa dispoñible un mínimo de material sanitario, entre o que cómpre citar un desfibrilador externo semiautomático, boticas de primeiros auxilios, un colariño adulto e pediátrico, férulas, padiolas ou táboas de RCP (reanimación cardiopulmonar), entre outros.
A prestación do servizo establécese no propio contrato para 2025 e 2026 aínda que se prevé unha posible prórroga por un máximo de dous anos (é dicir, 2027 e 2028) en cuxo caso o valor estimado para todo o período roldaría os 350.000 euros.
Máis de medio millón de visitas
Desde a súa declaración no ano 2002, o Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia recibe unha grande afluencia de visitantes tendo en conta que o uso e desfrute público é unha das súas funcións principais.
De feito, nos últimos dous anos superou o medio millón de visitas entre turistas, grupos escolares e investigadores, o que supón unha boa oportunidade para dar a coñecer os principais valores deste espazo natural único e a necesidade da súa preservación.
Neste sentido, cómpre lembrar que o Plan reitor de uso e xestión (PRUX) do Parque Nacional, en vigor desde 2019, define entre os seus obxectivos o de garantir a conservación dos hábitats e especies mediante o establecemento dunhas medidas axeitadas de xestión, función que recae sobre a Dirección Xeral de Patrimonio Natural.
Por iso, dentro do programa de actuacións do PRUX recóllese a implantación de plans de emerxencia co fin de optimizar os recursos técnicos e humanos dispoñibles para controlar de forma rápida a súa evolución e minimizar as posibles consecuencias, que é o obxectivo no que se enmarca o servizo de asistencia sanitaria licitado pola Xunta.

