HomeXunta de GaliciaA Xunta afianza no 2026 a aposta polo emprendemento ligado ao territorio...

A Xunta afianza no 2026 a aposta polo emprendemento ligado ao territorio co pulo á Rede de Polos que xa facilitou crear 110 empresas na provincia de Ourense

- Anuncio -spot_img
  • José González subliñou que con esta rede tamén se promove o modelo coliving no rural, como o de Sende —en Lobeira—, e destacou o reforzo o vindeiro ano dos apoios aos emigrantes retornados que desexen emprender en Galicia
  • Lembrou que a Ribeira Sacra acollerá os vindeiros 27 e 28 de novembro o encontro de emprendemento Ultreia Galicia, que reunirá a referentes nacionais e internacionais, empresas tractoras e participantes do ecosistema emprendedor  
  • Salientou a importancia do comercio na dinamización territorial, con apostas da Xunta como a formación para aprendices no sector artesanal, a ampliación dos Bono Remuda (1,5M en 2026) ou a capacidade tractora do programa Vilas Vivas en Ribadavia

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, participou hoxe na clausura do evento Acordo Rural: liderando a transición desde os municipios rurais, organizado pola Universidade de Santiago de Compostela en colaboración co Concello de Carballeda de Avia. Alí debullou as medidas que a Xunta seguirá consolidando no 2026 a prol da aposta de Galicia polo emprendemento ligado ao territorio. Uns apoios, engadiu, que son canalizados pola Rede de polos, que na provincia de Ourense xa favoreceu a creación de 110 empresas e que o Goberno galego seguirá optimizando xunto co Centro de Orientación ao Emprendemento.

Lembrou tamén que en total a Rede de polos leva atendidos arredor de 5.000 proxectos en toda Galicia, uns 950 deles nos catro polos ourensáns —Baños de Molgas, O Barco de Valdeorras, O Carballiño e Verín—. Ademais, con esta ferramenta poténcianse iniciativas como o proxecto Fixar, ao que se dará continuidade para seguir atraendo nómades dixitais ao rural promovendo os espazos coliving e desenvolvido coa Asociación Cultural Sende. Un dos tres coliving implicados neste proxecto, explicou, é o de Sende, en Lobeira, que nas dúas edicións do proxecto acolleu a preto de 50 persoas das que arredor do 60% crearon un novo proxecto ou negocio trala experiencia e máis do 90% seguen vinculadas a Galicia.

Esta aposta tamén abarca ás persoas emigrantes galegas que deciden retornar a Galicia a vivir e facer realidade a súa idea de negocio e que contan con apoios enmarcados na Estratexia Galicia Retorna 2023-2026. Entre eles os específicos para o fomento da actividade emprendedora, que no 2026 se incrementan en 200.000 € (1,2 M€) e dos que, desde 2018, se concederon na provincia de Ourense máis de 200 axudas a retornados que apostaron polo autoemprego. Ademais, das persoas emprendedoras atendidas nos polos ourensáns, preto dun 6% son retornadas.

Medidas coma estas, engadiu o conselleiro, forman parte dunha sólida estratexia que levou a Galicia a obter o recoñecemento Rexión Emprendedora Europea 2025. A isto súmanse iniciativas como o encontro de emprendemento Ultreia Galicia, emprendemento ligado ao territorio, que terá lugar os vindeiros 27 e 28 de novembro no Monasterio de Santo Estevo de Ribas de Sil -no concello ourensán de Nogueira de Ramuín- e que reunirá a 60 referentes nacionais e internacionais, 30 empresas tractoras e 150 participantes do ecosistema emprendedor nacional e internacional.

Ademais, o conselleiro tamén se referiu ao apoio aos autónomos co pulo a accións como o paquete único de axudas específicas para este colectivo (40,7 M€) dando continuidade no 2026 á aposta pola simplificación administrativa e cun foco específico no apoio aos autónomos que inicien a súa actividade en calquera sector asociado á agricultura, gandaría e silvicultura e no Bono Remuda, que sobe un 20% o investimento ata 1,5 M€ para seguir impulsando a continuidade dos negocios.

Comercio local como motor do territorio

Dentro do emprendemento ligado ao territorio, José González puxo en valor a importancia do cooperativismo e do comercio como dinamizadores territoriais. Como exemplo das apostas do Goberno autonómico neste último eido, mencionou o potencial dos novos plans para a formación de aprendices no sector artesán ou a capacidade vertebradora das prazas de abastos. Polo miúdo, destacou o potencial transformador do programa Vilas Vivas en Ribadavia, que se porá en marcha inicialmente en preto dunha decena de locais acondicionados para albergar de xeito efémero diferentes actividades comerciais e artesanais, así como accións de dinamización económica, social e cultural.

José González tamén aproveitou a ocasión para poñer estas xornadas como exemplo de colaboración público-privada e para agradecer o traballo da organización do evento e as entidades colaboradoras. Un labor que permitiu que durante dous días se reunisen en Ourense e Carballeda de Avia representantes institucionais, alcaldes, expertos, investigadores e emprendedores para compartir experiencias de éxito no medio rural. 

Publicacións Relacionadas