A conselleira do Mar, Marta Villaverde, participou na iniciativa gastronómica
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, participou hoxe na segunda edición da iniciativa gastronómica Da Pobra a Portosín, Tapeando polo Mar, un evento, coa que novamente colabora a Administración autonómica, e que busca poñer en valor os produtos do mar de Galicia e dinamizar a hostalaría e o turismo nas vilas costeiras.
Durante o acto, Villaverde destacou a importancia deste tipo de propostas para promover o consumo de peixe e marisco, así como para reforzar a conexión entre o sector pesqueiro e a restauración. “Eventos coma este permiten achegar á cidadanía a calidade e diversidade dos produtos do noso mar, ao tempo que se impulsa a economía local”, sinalou.
A iniciativa desenvólvese durante tres fins de semanas consecutivos -14, 21 e 28 de marzo- e con actividades simultáneas nas localidades da Pobra do Caramiñal, Ribeira e Porto do Son, onde diferentes establecementos hostaleiros ofrecerán tapas elaboradas con produtos do mar -preferentemente mexillón, atún e anchoa-, combinando tradición e innovación culinaria.
O percorrido gastronómico pretende tamén fomentar o coñecemento do patrimonio mariñeiro da zona e atraer visitantes durante os días de celebración. Por iso, a conselleira gabou o traballo dos profesionais do mar e da hostalaría, subliñando que “o éxito destas iniciativas é consecuencia da colaboración entre Administración, sector pesqueiro e empresarios locais”.
A segunda edición de Da Pobra a Portosín, Tapeando polo Mar aspira a consolidarse como unha cita gastronómica de referencia na comarca, contribuíndo á promoción do produto pesqueiro galego e á dinamización económica do litoral. A iniciativa iniciouse no 2025 logo da colaboración entre as asociacións de empresarios da Pobra e Azul de Portosín, e da hostalería de Ribeira.



