HomeXunta de GaliciaA Xunta agarda que o Goberno Central descarte recorrer a norma galega...

A Xunta agarda que o Goberno Central descarte recorrer a norma galega que regula a suspensión de prazos para os eólicos xudicializados tras seguir o exemplo de Galicia a nivel estatal

- Anuncio -spot_img

— Ángeles Vázquez lembra que o Parlamento galego aprobou hai uns meses un cambio normativo con este mesmo fin e que o Ministerio advertiu entón dun posible recurso


— Insiste na necesidade de que o Executivo de Sánchez rectifique a súa postura e retire canto antes a zonificación ambiental de carácter orientativo, que considera o 100% do territorio galego como sensible á implantación de novos parques eólicos


— Tamén abordaron outros asuntos de interese para a Comunidade, como a xestión do lobo tras os cambios normativos que rebaixaron o seu status de protección ou o posible reparto territorial do Fondo Social para o Clima da Comisión Europea

A Xunta puxo en valor hoxe a decisión do Goberno central de seguir o exemplo de Galicia e regular tamén a suspensión dos prazos establecidos como límite para poñer en marcha novos proxectos de enerxías renovables con autorización suspendida en vía xudicial, motivo polo que agarda que finalmente o Estado non recorra a norma galega na que se recolle esta mesma posibilidade.
Así o destacou esta tarde en Vigo a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, que mantivo unha reunión de traballo coa vicepresidenta terceira e ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (Miteco), Sara Aagesen, aproveitando a súa presencia en Galicia no marco dunha visita institucional.
En declaracións tras a xuntanza, a responsable galega explicou que a situación eólica na Comunidade foi o principal asunto abordado. Neste sentido, indicou que hoxe entrou en vigor o Real Decreto polo que se aproban as medidas para o reforzo do sistema eléctrico, unha norma na que, entre outras cuestións, se regula a posibilidade de suspender os prazos de explotación dun proxecto renovable cando os seus promotores presenten unha medida cautelar xudicial que supoña a suspensión da autorización recibida.
No caso dos eólicos, precisamente, cómpre lembrar que o Parlamento galego aprobou este ano unha modificación normativa na que se recolle que o prazo de tres anos para solicitar a autorización de explotación dun novo parque eólico “quedará suspendido no caso de que exista un pronunciamento por parte dun órgano xudicial que suspenda a resolución de autorización administrativa previa e de construción”.
Neste sentido, Ángeles Vázquez interpretou o real decreto estatal como unha mostra de que o Ministerio finalmente “lle dá a razón á Xunta” ao recoñecer a necesidade de ampliar os prazos para construír proxectos de enerxías renovables paralizados xudicialmente. Por iso e tras lembrar que cando Galicia regulou por lei esta suspensión o Executivo central anunciou a súa intención de recorrela, a conselleira agradeceu o cambio de postura e confiou en que o devandito recurso nunca chegue a formalizarse.
Así mesmo, subliñou tamén que o Goberno autonómico leva tempo traballando na mesma liña marcada por Europa en materia de transición enerxética, facilitando a tramitación de novos proxectos eólicos e as repotenciacións voluntarias que melloran a eficiencia dos parques actuais e amosouse convencida de que a sentencia do Tribunal de Xustiza da Unión Europea sobre a tramitación ambiental realizada en Galicia neste eido, que se fará pública o próximo 1 de agosto, aclare todas as dúbidas.
Parálise eólica
Tras lembrar a situación de “parálise inédita” que sofre o sector da enerxía eólica en Galicia, con case 100 parques paralizados por decisións xudiciais, a conselleira aproveitou a súa reunión coa ministra (a primeira que manteñen desde que esta tomara posesión do seu cargo) para insistir na súa petición ao Goberno central para que rectifique e proceda a retirar canto antes a zonificación ambiental que considera o 100% do territorio galego sensible á implantación de proxectos eólicos.
Tal e como subliñou, este visor deseñado polo Miteco e a pesar do seu carácter meramente orientativo, é un dos argumentos que está empregando o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia como base para suspender parques previamente autorizados pola Xunta. Por iso, volveu insistir na necesidade de retirar a zonificación ambiental que está a provocar decenas de suspensións de autorizacións eólicas.
Noutra orde de asuntos, a conselleira tamén abordou coa ministra a xestión do lobo ao norte do río Douro, tras os recentes cambios normativos a nivel nacional e europeo para rebaixar o seu status de protección, así como a relación de proxectos propostos desde Galicia para optar ao Fondo Social para o Clima da Comisión Europea.

Publicacións Relacionadas