HomeXunta de GaliciaA Xunta amosa en Cerceda os oficios artesanais de elaboración de zocos...

A Xunta amosa en Cerceda os oficios artesanais de elaboración de zocos e da construción de pandeiretas

- Anuncio -spot_img

— Os artesáns Elena Ferro e Xosé Manuel Sanín achegáronse esta semana ata o CPI Plurilingüe O Cruce, onde fixeron demostracións en vivo dos seus oficios, no marco do proxecto Artesanía na Escola

— Artesanía na Escola é un programa da Fundación Artesanía de Galicia que busca presentar os oficios artesanais como unha profesión de futuro e co que se contribúe a concienciar sobre o valor do produto artesanal e da marca Artesanía de Galicia

A Xunta continúa coas demostracións de oficios artesanais no marco do proxecto de divulgación Artesanía na escola, impulsado pola Fundación Artesanía de Galicia. Esta semana os artesáns Elena Ferro e Xosé Manuel Manín, protagonistas das dúas primeiras unidades didácticas, achegáronse ata o CPI Plurilingüe O Cruce, de Cerceda, co gallo de realizar demostracións en vivo da elaboración de zocos e da construción de pandeiretas.
Artesanía na escola é un programa de divulgación impulsado pola Xunta desde o ano 2023 dirixido a achegarlles os oficios artesanais e os valores da artesanía aos nenos e nenas de colexios de toda Galicia. Os obxectivos deste programa son divulgar os oficios artesanais que son patrimonio cultural e tamén sector económico, poñer en valor o produto feito á man e o profesional da artesanía como creador e como transmisor de coñecementos, divulgar os vellos saberes e amosar os novos oficios vinculados a unha artesanía máis contemporánea, transmitir os valores da artesanía vinculados a un consumo responsable, á produción local e sustentable e á economía circular e, por último, atallar a longo prazo a remuda xeracional nos oficios artesanais.

Artesanía na escola comezou con Eu son zoqueira, unha unidade didáctica dedicada ao oficio dos zoqueiros, a través da figura de Elena Ferro, responsable do taller Eferro (Merza, Vila de Cruces), un obradoiro familiar activo desde o ano 1915 e que viu recoñecida a súa traxectoria co Premio Nacional de Artesanía no ano 2019. Elena Ferro destaca polo seu traballo cun produto característico da tradición rural: os zocos de madeira. Esta artesá conseguiu un cambio no valor de uso deste calzado de traballo, outorgándolle un novo significado a este produto sen restarlle a súa esencia e reinventándoo como complemento de moda con constantes innovacións en deseños, materiais e cores.

Pola súa banda, Xosé Manuel Salvado Sanín, do obradoiro Sanín Percusión Tradicional (Santiago de Compostela) é o protagonista da segunda das unidades didácticas. Eu son artesán de percusión tradicional está centrada na historia e elaboración dun dos instrumentos máis tradicionais de Galicia, a pandeireta.

A Fundación Artesanía de Galicia está a traballar xa na terceira das unidades didácticas, Eu son artesán de figuras de pan, centrada na elaboración dos tradicionais amuletos de miga de pan típicas de Santo André de Teixido (Cedeira), os sanandresiños, moldeados con fariña e pintados á man a través do artesán Jorge Bellón (Cedeira) e en breve comezarase coas primeiras demostracións en centros de ensino.

Publicacións Relacionadas