Home Xunta de Galicia A Xunta amplía a alerta vermella por temporal costeiro mañá ao suroeste...

A Xunta amplía a alerta vermella por temporal costeiro mañá ao suroeste da Coruña e ao litoral de Pontevedra

- Anuncio -

― O aviso vermello xa estaba activo para a última hora desta tarde no noroeste e o oeste da provincia da Coruña


― Continúa activa durante a xornada de hoxe a alerta laranxa na Mariña lucense por ventos de 100 quilómetros por hora, que se estendeu ao oeste e ao interior da provincia coruñesa


― En toda a provincia de Pontevedra e en áreas da Coruña e Ourense o nivel de aviso é laranxa hoxe por fortes chuvias


― Mantense hoxe a suspensión da actividade deportiva federada e do programa Xogade en 15 concellos da Mariña lucense, en 60 municipios da Coruña, 33 de Pontevedra e 19 de Ourense, ademais de cancelarse tanto hoxe como mañá a actividade deportiva federada no mar en toda Galicia


― Incídese na importancia de seguir as medidas de protección e de extremar as precaucións, e aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.axega112.gal)

A Xunta vén de ampliar a alerta vermella por temporal costeiro para mañá ao suroeste da Coruña e ao litoral da provincia de Pontevedra, que xa se activara para esta tarde no noroeste e oeste da costa coruñesa e que continuará na xornada de mañá.

Co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, informou da situación a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia aos concellos da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros.

Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), a alerta vermella estará activa desde esta tarde no noroeste e oeste da Coruña por mar combinada con ondas de ata 12 metros e prolongándose ata primeiras horas do martes, 28 de xaneiro, mentres que no suroeste da Coruña e o litoral de Pontevedra prevese que o temporal costeiro de nivel vermello comece no mediodía de mañá estendéndose tamén ata o martes por mar combinada con ondas de ata 10 metros. Estas zonas permanecerán ata mañá ao mediodía en alerta laranxa e desde ese momento pasarán a vermella e quedará só en nivel laranxa a Mariña lucense por ventos de forza 8 e mar combinada do oeste-noroeste con ondas de ata sete metros.

Cómpre lembrar que na xornada de hoxe mantense activa a alerta laranxa por rachas de ventos de 100 quilómetros por hora de sur-suroeste na Mariña lucense e no noroeste da Coruña, que tamén se estendeu ao oeste e ao interior da provincia coruñesa.

O nivel de aviso tamén é laranxa nesta xornada no interior e suroeste da Coruña; no noroeste, sur e na zona de montaña de Ourense; e en toda a provincia de Pontevedra por precipitacións acumuladas de 80 milímetros en 12 horas que poden acadar os 100 litros en 24 horas.

Debido ás últimas actualizacións dos partes meteorolóxicos dos distintos organismos predictores, a Secretaría Xeral para o Deporte da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes informou da suspensión durante toda a xornada de hoxe da actividade deportiva federada e do programa Xogade no exterior de 15 concellos da Mariña lucense e en 38 do noroeste da Coruña pola alerta laranxa por vento. Tamén está suspendida desde este mediodía en 33 concellos do litoral de Pontevedra; 22 concellos do oeste e suroeste da provincia da Coruña; así como 19 concellos da montaña de Ourense. Os concellos afectados poden consultarse no mapa de zonas climáticas de MeteoGalicia.

Ademais, polo fenómeno adverso por temporal costeiro cancelouse tanto hoxe como na xornada de mañá a actividade deportiva federada no mar en toda Galicia

De cara a reducir riscos pola alerta vermella, a Xunta lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa, isto é, diques, rompentes e paseos marítimos. Tamén non saír a navegar, pescar ou practicar deportes náuticos, así como que se respecten os cordóns de seguridade e as indicacións dos axentes e se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.

Ademais, sinálase a importancia de retirar os obxectos que poidan caer á rúa desde os tellados, balcóns e fiestras, e evitar pasar preto de edificios en ruínas ou en construción, de árbores, de paneis publicitarios e de obxectos susceptibles de desprazarse con vento.

Ante as fortes chuvias recoméndase circular con precaución e informarse antes do estado das estradas, non atravesar zonas inundadas ou que poidan chegar a asolagarse e non aparcar nas ribeiras dos ríos.

Aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.axega112.gal), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese.

Relacionadas

A Xunta lembra aos taxistas que poden solictar as axudas para a adquisición de...

0
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, lembrou que o Goberno galego vén de publicar as axudas deste ano por importe de...

A Xunta convoca con case 2,3 M€ as axudas de 2025 para impulsar a...

0
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe e estes apoios destinados ao fomento da prevención de riscos laborais e a actividades neste eido, que...

Portos de Galicia exime ao concello de Poio do pago das taxas pola escola...

0
Portos de Galicia aprobou a exención de taxas ao Concello de Poio pola ocupación do edificio e as instalacións da escola de remo de...

María José Gómez salienta a importancia das poxas degando como punto de encontro da calidade para...

0
― A titular do departamento lembrou que o Goberno autonómico conta cunha liña de achegas dotada con 150.000 euros para a realización de certames...

A Xunta activa a nova edición das unidades formativas con 8 M€ para atender as necesidades...

0
― O Diario Oficial de Galicia vén de publicar este venres a orde destes apoios que permiten desenvolver accións formativas flexibles e á demanda...

A Xunta activa na madrugada do domingo a alerta vermella no litoral costeiro da...

0
― Desde esta madrugada estará activa a alerta laranxa en toda a costa galega por temporal costeiro, así como en zonas da Coruña e...

Publicacións Relacionadas