HomeXunta de GaliciaA Xunta amplía a prealerta por escaseza moderada de auga aos sistemas...

A Xunta amplía a prealerta por escaseza moderada de auga aos sistemas de Costa de Pontevedra e do río Verdugo, no que empeora a situación de Baiona

- Anuncio -spot_img
  • Acórdase activar medidas equivalentes a un escenario de alerta no subsistema de Baiona, desde o cal se abastece a poboación deste municipio pontevedrés e que presentaba indicadores propios de prealerta desde o pasado 7 de agosto
  • Mantense tamén a declaración da situación de prealerta por escaseza moderada de auga nas concas do río Lérez, do río Grande e do río Anllóns
  • A situación nestas zonas é consecuencia da escaseza de chuvias rexistrada nos últimos dous meses e ás previsións de MeteoGalicia, que non agarda precipitacións de importancia a curto prazo e prevé un outubro con valores por debaixo da media
  • O resto de unidades territoriais da Demarcación Galicia-Costa seguen en situación de normalidade, cunha ocupación media dos encoros de abastecemento do 62,08%

A Xunta decidiu hoxe estender a declaración da prealerta por escaseza moderada de auga ao sistema do río Verdugo, ría de Vigo e ría de Baiona e ao de Costa de Pontevedra, que se suman así aos sistemas do río Lérez, en Pontevedra, do río Grande, en Camariñas, e do río Anllóns, ata Arteixo.

Ademais, no caso do subsistema de Baiona, pertencente á unidade territorial do Verdugo e do que se abastece a poboación deste municipio pontevedrés, tamén se acordou activar medidas equivalentes a un escenario de alerta nesta zona, que desde o pasado 7 de agosto presentaba indicadores propios dunha situación de prealerta e por este motivo estaba sendo obxecto xa de seguimento por parte da Xunta.

Estas foron as principais decisións adoptadas pola Oficina Técnica da Seca, que se reuniu hoxe baixo a presidencia do director de Augas de Galicia, Roi Fernández, e que contou tamén coa participación do xerente e doutros cargos directivos do organismo hidráulico, así como de representantes de MeteoGalicia, de Protección Civil e das Consellerías de Sanidade e do Medio Rural.

Para a adopción desta medida de precaución nas concas do río Verdugo e Costa de Pontevedra tívose en conta que en ambos casos presentan indicadores de escaseza por debaixo do límite de 0,30 e que as previsións de Meteogalicia para outubro non sinalan unha clara mellora desde o punto de vista das chuvias. Así mesmo, a evolución vista nos ríos Lérez e Grande (en prealerta desde o 7 de agosto) e no Anllóns (na mesma situación desde o 23 de setembro) tamén aconsella manter a prealerta nestes tres sistemas.

A maiores e tras dous meses consecutivos nos que o indicador permaneceu por debaixo de 0,30 no subsistema de Baiona (pertencente á UTE río Verdugo), a Oficina Técnica da Seca acordou substituír nesta zona as medidas equivalentes a un escenario de prealerta que se aplicaban desde agosto por medidas equivalentes a unha situación de alerta.

Para tomar estas decisións, tivéronse en conta tanto datos meteorolóxicos como a evolución dos caudais circulantes mensuais nos ríos da conca e outros indicadores de seca e escaseza, segundo o protocolo fixado no Plan especial de seca de Galicia-Costa. De feito, o descenso do caudal dos ríos detectado desde o mes de xullo, debido á ausencia de choivas e á evaporación da auga pola calor propia da época estival, unido ao aumento notable da poboación durante o verán nalgúns dos concellos pertencentes ás UTE afectadas explican o escenario de escaseza moderada detectado en certas zonas.

Ademais, as previsións de MeteoGalicia a curto prazo apuntan a que non se agardan precipitacións de importancia a curto prazo e que o mes de outubro no seu conxunto se pechará con valores por debaixo da media, un prognóstico que avala a declaración da prealerta por escaseza nos cinco sistemas xa indicados mentres que no resto da demarcación a situación segue a ser de normalidade.

En concreto, segundo os datos que se expuxeron durante a reunión, a ocupación actual dos encoros de abastecemento en Galicia-Costa está no 62,08%, sendo un 15,30% inferior á do ano pasado e un 6,72% inferior á ocupación media nos últimos 10 anos.

45 concellos en situación de prealerta

A situación de prealerta por escaseza de auga implica a realización dun seguimento intensivo da situación meteorolóxica e os niveis de ríos e encoros dos sistemas afectados da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa, así como das posibles incidencias que se detecten. De feito, os concellos nesta situación teñen a obriga de comunicar a Augas de Galicia os seus datos diarios de caudais de consumo.

En concreto, os municipios afectados pola prealerta son Barro, Bueu, Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade, A Estrada, Forcarei, Marín, Meaño, Moraña, Poio, Ponte Caldelas, Pontevedra e Sanxenxo, da UTE río Lérez; Cabana de Bergantiños, Camariñas, Laxe, Muxía, Vimianzo e Zas, da UTE río Grande; e Arteixo, Carballo, Cerceda, Coristanco, Culleredo, A Laracha, Malpica, Ponteceso e Tordoia, incluídos na UTE río Anllóns

A maiores dos xa mencionados, a declaración de prealerta por escaseza moderada de auga tamén afecta desde hoxe aos concellos de Baiona, Cangas, Fornelos de Montes, Gondomar, A Lama, Moaña, Mondariz, Nigrán, Oia, Pazos de Borbén, Redondela, Soutomaior, Vigo e Vilaboa, da UTE río Verdugo; e A Guarda, Oia e O Rosal, que conforman a UTE Costa de Pontevedra.

Nestes 45 municipios recoméndase á poboación realizar un uso o máis responsable posible da auga, evitando as actividades que máis consumo xeran, como o enchido de piscinas ou o rego con auga potable así como ter especialmente presentes as boas prácticas no fogar (ducharse en vez de bañarse, usar as funcións eco dos electrodomésticos ou evitar malgastar recursos pechando a billa cando non se utilice).

A Oficina Técnica da Seca tamén aconsella aos concellos en situación de prealerta que minimicen os consumos municipais de auga que non sexan esenciais, como o baldeo de rúas ou o rego de parques e xardíns. Nesta liña, e tal e como establece o Plan especial de seca da Demarcación Galicia-Costa, o organismo hidráulico informará por escrito da declaración de prealerta aos alcaldes dos municipios pertencentes ás UTE do río Verdugo e de Costa de Pontevedra, que non estaban ata o de agora afectados.

En concreto, entre as medidas que propón adoptar a nivel municipal nas zonas cun escenario de escaseza moderada está o incremento da frecuencia do control e vixilancia dos indicadores e o intercambio e actualización de información da evolución dos caudais.

A maiores, dentro do espírito de colaboración, desde a Xunta solicítase a implicación dos concellos afectados para establecer as medidas que consideren apropiadas, no marco das súas competencias, e levar a cabo un labor de sensibilización da veciñanza e un control axeitado dos usos da auga que se realicen no seu ámbito de influencia.

Cómpre lembrar que mediante o seguimento que fai a través da Oficina Técnica da Seca, o Goberno galego traballa para adiantarse e adoptar medidas ante un posible episodio futuro de escaseza ou seca, así como para garantir a toma de conciencia sobre a necesidade de facer un consumo responsable dos recursos hídricos.

Publicacións Relacionadas