A Xunta amplía de 2,5M€ a 4,35 M€ para axudar aos concellos a reducir as perdas de auga mediante pequenas obras nas redes municipais

adminON
Lectura mínima de 3
  • Grazas a estas achegas, cun importe máximo de 45.000 €, Augas de Galicia poderá cubrir o 100% dos custos deste tipo de actuacións para mellorar o abastecemento
  • O organismo hidráulico concedeu este ano máis de 230 subvencións por un total de 6,4 M€ para apoiar aos concellos nas súas competencias en materia de augas

A Xunta amplía ata os 4,35 millóns de euros o orzamento asignado á convocatoria de 2025 das axudas para executar actuacións destinadas a minimizar as perdas de auga nos concellos galegos. Convocadas o pasado marzo, Augas de Galicia recibiu máis dun cento de solicitudes e en vista de que os 2,5 millóns inicialmente asignados non ían permitir atender todos os proxectos que cumprían os requisitos, o organismo hidráulico acordou realizar unha ampliación de crédito, tal e como se recolle na resolución publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia.

O obxectivo principal desta orde de subvencións plurianual —financiada no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia con fondos da UE a través do NextGenerationEU— é darlle continuidade ao traballo realizado naqueles concellos que xa contan cunha auditoría feita sobre as súas redes de abastecemento.

Neste sentido, as administracións locais beneficiarias recibirán achegas de ata un máximo de 45.000 euros coas que poderán cubrir o 100% do custo daquelas obras identificadas como máis eficaces para optimizar o funcionamento das súas redes de abastecemento e que permitirán reducir ao mínimo as perdas de auga detectadas nos propios sistemas.

Cómpre lembrar que esta orde de axudas forma parte do paquete de incentivos que cada ano convoca o organismo hidráulico no marco da súa liña de apoio técnico e económico ás entidades locais no exercicio das súas competencias hidráulicas. De feito, das oito ordes convocadas por Augas en 2025, cinco ían dirixidas especificamente aos concellos e foron tamén as de maior éxito, cun balance de máis de 230 axudas concedidas por un importe de 6,4 millóns de euros (é dicir, un 150% máis que en 2024).

O resto de convocatorias tiñan como obxectivo apoiar a particulares, comunidades de usuarios que se ocupan do mantemento das súas propias traídas de auga e asociacións ambientais na mellora de distintos tipos de sistemas de abastecemento e saneamento.

Comparte este artigo