A directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado participou esta mañá en Ourense nunha nova xornada de diálogo con representantes das empresas do tecido produtivo da cidade, dentro da posta en común e creación de sinerxías relacionada coas accións formativas para persoas desempregadas (AFD), da que proximamente se lanzará unha nova convocatoria. O encontro enmárcase na estratexia da Xunta para implicar a estrutura económica e empresarial da comunidade no deseño das políticas activas de emprego.
Durante a xornada recolléronse achegas e prioridades do sector co obxectivo de continuar axustando a oferta formativa á realidade económica e produtiva da comunidade, contribuíndo así a mellorar a utilidade e impacto dos cursos na empregabilidade das persoas desempregadas. A directora xeral subliñou a importancia de aliñar a formación profesional coas necesidades reais das empresas, avanzando cara a un modelo máis áxil e eficaz, capaz de dar resposta á demanda de talento do mercado laboral galego.