— Ángeles Vázquez pon como exemplo a actuación realizada por Padre Rubinos, que recibiu 10.516 € para mellorar a capacidade de almacenaxe das súas instalacións
— Salienta que no marco das convocatorias anteriores o seu departamento apoiou nove proxectos de preparación para a reutilización de distintas fraccións de refugallos
— O Goberno galego ofrece tres liñas de axudas cun orzamento total de 15 M€ para mellorar a xestión dos residuos domésticos, dúas dirixidas ás entidades locais e unha pensada para Pemes, autónomos, asociacións e fundacións sen ánimo de lucro
A Xunta anima ao tecido empresarial galego así como ás entidades sociais e fundacións implicadas no sector dos residuos a seguir apostando por iniciativas que contribúan a fomentar a reciclaxe de diferentes tipos de residuos domésticos que se recollen separadamente, como poden ser os refugallos téxtiles ou os aparellos eléctricos e electrónicos, entre outros.
Durante unha visita ás instalacións da entidade benéfico-social Padre Rubinos para xestionar a roupa usada que se recolle nos contedores instalados na cidade da Coruña, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, salientou que o seu departamento convocou para este ano unha orde de axudas dotada con 3,2 millóns de euros e dirixida, precisamente, a apoiar a pequenas e medianas empresas, asociacións e fundacións galegas sen ánimo de lucro na execución de proxectos para dotar dunha segunda vida a certas fraccións dos residuos municipais.
Dividida en tres liñas, a responsable autonómica explicou que hai incentivos de ata 200.000 euros tanto para a construción de instalacións novas de preparación para a reutilización (PxR) de diferentes tipos de refugallos urbanos, como para ampliar as existentes dedicadas a este mesmo fin.
A achega poderá cubrir ata o 60% e o 90% dos custos subvencionables, en función de se o beneficiario é unha empresa ou ben unha entidade sen ánimo de lucro.
Así mesmo, no caso de proxectos novos destinados a facilitar a reciclaxe de residuos téxtiles procedentes da recollida municipal (prendas de vestir, calzado, accesorios, roupa de cama e de baño etc.) a achega máxima poderá chegar ata os 800.000 euros, sempre que esta contía non exceda o 50% do importe a subvencionar.
Precisamente e tras sinalar a relevancia do sector téxtil para Galicia, a responsable autonómica puxo como exemplo a Padre Rubinos, entidade que resultou beneficiaria no ano 2022 dunha achega de 10.516 euros que destinou a acometer a ampliación das súas instalacións na Coruña.
Grazas a esta remodelación, a capacidade de almacenamento de roupa da entidade incrementouse en 20 toneladas, o que lle permitiu aumentar a periodicidade da recollida nos 125 contedores para téxtiles instalados na cidade.
15 M€ en axudas para a xestión dos residuos urbanos
Cómpre lembrar que a liña de axudas para empresas e entidades sen ánimo de lucro forma parte do paquete de incentivos convocados este ano pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático para apoiar investimentos e proxectos destinados a garantir unha mellor xestión dos residuos de orixe doméstica.
En total, son tres ordes de subvencións que suman un importe global de 15 millóns de euros, dúas delas destinadas especificamente ás entidades locais co fin de axudalas a mellorar a recollida selectiva e compostaxe dos chamados biorresiduos (é dicir, a fracción orgánica do lixo doméstico) así como no impulso de proxectos relacionados cos residuos téxtiles e o aceite de cociña usado, dúas fraccións que os concellos teñen a obriga de recoller de forma separada desde o pasado 1 de xaneiro.
Ademais, Ángeles Vázquez asegurou que no marco das dúas convocatorias anteriores dirixidas a proxectos de preparación para a reutilización e reciclaxe de refugallos domésticos promovidos por empresas, autónomos e fundacións (que se publicaron nos anos 2021 e 2023), concedéronse un total de nove subvencións por importe de 1,32 millóns de euros e 1,9 millóns, respectivamente.