- Ángeles Vázquez explica que un xurado seleccionará os mellores proxectos arquitectónicos para definir un estándar de baixo impacto ambiental e boa eficiencia enerxética para este tipo de instalacións
- O certame repartirá 30.000 euros entre as tres ideas máis valoradas e que contribúan a repensar o modelo de ocupación e uso do litoral de Galicia
A Xunta impulsa un concurso de ideas arquitectónicas para definir un prototipo de chiringuito biosostible e desmontable para que este tipo de establecementos poidan integrarse na paisaxe das praias e das contornas naturais costeiras máis características de Galicia.
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, acompañada de diferentes autoridades, visitou hoxe na Illa de Arousa un posto de praia para explicar as características deste procedemento co que a Administración autonómica busca repensar o modelo de ocupación e uso do litoral galego.
Tendo en conta que este procedemento está dirixido á selección de ideas de deseño que posteriormente se pretenden materializar nun proxecto construtivo, os participantes poden ser estudos de arquitectura e profesionais independentes, que teñen de prazo ata o 17 de outubro para presentar as súas propostas e, a continuación, un xurado profesional escollerá as mellores nos vindeiros meses.
Segundo dixo Ángeles Vázquez, trátase dunha das iniciativas estratéxicas está a impulsar a Xunta baixo o paraugas da Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia (Loxilga) e da asunción de competencias dos espazos de costa. En concreto, responde á aposta por impulsar na costa galega a presenza de infraestruturas que minimicen o seu impacto ambiental e que se integren harmonicamente na paisaxe. Nesa liña, a conselleira puxo en valor que a Xunta xa tramitou máis de 300 expedientes desde que recibiu o traspaso de funcións, medios e servizos.
A conselleira explicou que os chiringuitos deben evolucionar a instalacións sostibles e adaptadas ás contornas naturais. Nese senso, aínda que este tipo de instalacións deberán adaptarse en todo caso á normativa urbanística de cada concello e ás Directrices da Paisaxe, o obxectivo do concurso de ideas é que, como punto de partida, haxa un ou varios postos de praia modelo que sirvan de referencia no proceso de transformación das mesmas.
En concreto, considérase fundamental que estas instalacións poidan readaptarse en cuestións de carácter arquitectónico e de uso de materiais, así como os sistemas de abastecemento e xestión de residuos, o consumo enerxético, a relación cos ecosistemas litorais e o seu funcionamento durante todo o ciclo de vida. Nese senso, a conselleira avanzou a posibilidade de establecer unha liña de axudas para colaborar nesa adaptación.
O concurso de ideas, que coordina o Instituto de Estudios do Territorio (IET), está dotado con 30.000 euros para premiar aos tres mellores proxectos seleccionados por un xurado profesional. No proceso de elección analizarase e puntuarase a calidade das propostas recibidas e os seus valores funcionais, arquitectónicos, paisaxísticos, ambientais e de viabilidade.
O xurado profesional analizará os proxectos recibidos e emitirá a súa decisión antes de que remate o ano. Está previsto que a proposta gañadora reciba 12.000 euros e que, nunha fase posterior, poida optar tamén á redacción do proxecto básico e de execución do prototipo. A convocatoria do concurso de ideas fixa que o proxecto seleccionado en segundo lugar acade 10.000 euros e o terceiro un premio de 8.000 euros.
As praias e o litoral galego poderán contar nos vindeiros anos con postos nos que se teñan en conta factores como a eficiencia enerxética ou a sostibilidade dos materiais empregados pero tamén a súa mimetización co entorno e a natureza que os rodea, en liña co enfoque construtivo da bioarquitectura.

