- A convocatoria —dirixida a autónomos, mutualistas, pemes, cooperativas e sociedades laborais constituídas ou dadas de alta a partir do 1 de xaneiro de 2024— prevé apoiar con ata 35.000 euros 800 novas iniciativas, co foco no rural e na remuda
- No marco da futura Estratexia de emprendemento ligado ao territorio, na concesión das axudas valoraranse criterios como o sector, con especial atención ao primario, forestal e servizos sociais, ou a situación en concellos de menos de 20.000 habitantes
- Estas achegas permitirán ás persoas emprendedoras financiar equipamento informático, mobiliario, reformas e habilitación de locais, gastos notariais ou de alugueiro e a compra de activos pertencentes a establecementos existentes
- Cómpre lembrar que tamén están abertos os apoios a autónomos, con achegas ao inicio, mantemento, consolidación ou reactivación da actividade (40,7 M€), á contratación indefinida por parte do colectivo (1,3 M€) e ás asociacións (350.000€)
A Xunta anima a solicitar deica o próximo luns 2 de marzo as axudas ao emprendemento dotadas con 6,7 M€ e destinadas a apoiar ata 800 novas iniciativas emprendedoras constituídas na Comunidade desde 2024. As axudas, que poden chegar aos 35.000 por proxecto, enmárcanse na Estratexia de emprendemento ligado ao territorio de Galicia, actualmente en período de consultas con todo o sector, orientada a fixar actividade económica no rural e favorecer o equilibrio territorial e a remuda, abranguendo todo o ciclo emprendedor.
En coherencia con estes obxectivos, a convocatoria deste ano incorpora novos criterios para garantir un maior impacto territorial e arraigamento dos proxectos. Como principal novidade, valoraranse aspectos vinculados co sector da actividade —con especial atención ao primario, ao forestal, á prevención de lumes e aos servizos sociais—, así como a localización en concellos emprendedores ou de menos de 20.000 habitantes, priorizando de maneira progresiva aqueles de menor poboación. Estas melloras súmanse ás introducidas en 2025, entre as que destaca o incentivo da remuda xeracional para garantir a continuidade de negocios viables en funcionamento.
Con esta liña de axudas —da que xa se beneficiaron 3.400 emprendedores desde 2022— a Xunta busca potenciar un ecosistema sólido no que as ideas dos emprendedores galegos, especialmente no rural ou en zonas con risco demográfico, conten con todos os recursos necesarios para converterse en realidade, nunha aposta xa referendada co recoñecemento como Rexión Emprendedora Europea 2025.
Condicións e intensidade das axudas
Poderán acollerse á convocatoria de apoios as persoas autónomas, mutualistas, pequenas e medianas empresas, cooperativas e sociedades laborais que se constituísen ou se desen de alta a partir do 1 de xaneiro de 2024, co obxectivo de financiar investimentos vinculados ao equipamento informático, ao mobiliario, ás melloras de eficiencia enerxética, á reforma de locais ou á adquisición de activos pertencentes a establecementos existentes, incluíndo bens de equipo de segunda man.
A intensidade das axudas varía en función do investimento realizado: entre 5.000 e 20.000 euros, cobertura do 55 %; entre 20.001 e 30.000 euros, do 50 %; e entre 30.001 e 60.000 euros, do 45 %. Cando o proxecto permita evitar o peche dun negocio por falta de remuda xeracional, aplicarase un incremento adicional do 10 %.
A convocatoria inclúe tamén apoios de 300 euros para gastos notariais e/ou rexistrais e de 1.500 euros para alugamento —que ascenden a 330 euros e 1.650 no caso de remuda, respectivamente— polo que as contías finais poderán oscilar entre os 2.750 euros e preto de 35.000 euros.
Axudas a autónomos
Cómpre recordar que tamén se poden solicitar na actualidade —deica o 30 de setembro— as axudas contidas na orde única para persoas traballadoras autónomas, que inclúe achegas ao inicio, mantemento, consolidación ou reactivación da actividade (40,7 M€). Ademais, pódense solicitar os apoios á contratación indefinida por parte do colectivo autónomo (1,3 M€) —tamén abertos ata o 30 de setembro— e os dispoñibles para as asociacións que o representan (350.000 €) —neste caso, ata o 4 de marzo—.



