- Ángeles Vázquez explica que as entidades locais pasarán dos 96 €/t que recibían ata o de agora aos 130 €/t que recolle o novo acordo marco asinado cos scraps
- Insta aos concellos a sumarse xa a esta iniciativa porque se o fan antes do 30 de setembro, eses beneficios económicos terán carácter retroactivo desde o 1 de xaneiro de 2025
- Incide en que este convenio fai posible seguir avanzando na identificación de necesidades, na mellora da organización, na resolución de problemas específicos, así como na formulación de alternativas ou respostas máis adecuadas nesta materia
A Xunta de Galicia anima aos concellos e ás entidades locais a adherirse ao convenio para a xestión do residuos eléctricos e electrónicos (RAEE) para beneficiarse do incremento das compensacións, que tal e como explicou, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, pasarán dos 96 euros por tonelada que recibían ata o de agora aos 130 €/t que recolle o acordo marco asinado esta mañá entre a Administración autonómica e os Sistemas de Responsabilidade Ampliada dos Produtores (scraps).
Segundo lembrou Ángeles Vázquez, os scraps son os responsables de xestionar este tipo de residuos e, no caso daqueles aparellos recollidos nas instalacións de administracións locais, “teñen que aportar unha compensación económica ás mesmas pola súa labor”.
Polo tanto, este documento asinado fixa o marco de colaboración ao abeiro do cal se desenvolverán esas actividades de xestión de refugallos eléctricos e electrónicos e se estipularán as cantidades a percibir polos concellos.
Nese senso, logo de incidir en que o novo convenio, cuxa vixencia está prevista para o período 2025-2028 -coa posibilidade de prorrogalo-, supón un incremento dun 35% desas compensacións con respecto ao último acordo asinado, a conselleira instou aos concellos a sumarse xa a esta iniciativa porque se o fan antes do vindeiro 30 de setembro, eses beneficios económicos “terán carácter retroactivo” desde o 1 de xaneiro de 2025.
De feito, as entidades locais poden adherirse a este convenio a partir de hoxe mesmo a través da plataforma SIRGA. Será necesario que a solicitude de adhesión se presente firmada electronicamente pola persoa competente e acompañada da documentación acreditativa da súa aprobación polo órgano correspondente do concello.
Ademais, a conselleira explicou que unha das vantaxes de dispoñer dun convenio que especifica as obrigacións e a participación tanto de asinantes como de adheridos dispoñer dun instrumento ao través do cal é posible seguir avanzando na identificación de necesidades, a mellora da organización, a resolución de problemas específicos, así como a formulación de alternativas ou respostas máis adecuadas nesta materia.
Este convenio marco foi subscrito pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático e dez dos once scraps que existen na actualidade. En concreto, asinaron o acordo a fundación ECOTIC, a fundación ECOLEC, ECOASIMELEC, EUROPEAN RECYCLING PLATFORM RAEE, SL., a fundación ECO-RAEE’S, a fundación ECOLUM, ECOECHE, ECOFIMÁTICA, a asociación AMBILAMP e SUNREUSE ASSOCIATION.