HomeXunta de GaliciaA Xunta anima aos propietarios de árbores senlleiras a solicitar as axudas...

A Xunta anima aos propietarios de árbores senlleiras a solicitar as axudas para actuacións de mellora e conservación que poden chegar ata os 8.000 euros

- Anuncio -spot_img
  • Ángeles Vázquez lembra que xa está aberto o prazo para solicitar estes apoios que contan cun orzamento de 90.000 euros
  • O importe das achegas poderá cubrir ata o 100% dos gastos subvencionables realizados ata o 15 de outubro de 2026
  • O Catálogo galego de árbores senlleiras, ferramenta en constante actualización, está integrado por un total de 205 elementos pertencentes a 84 especies diferentes

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, animou hoxe aos propietarios de exemplares incluídos no Catálogo galego de árbores e formacións senlleiras a solicitar as axudas que convoca periodicamente a Xunta para acometer actuacións de conservación e mellora que garantan a súa preservación nas mellores condicións.

Nese senso, logo de incidir en que xa está aberto o prazo para solicitar estes apoios, a conselleira explicou que estas axudas contan cun orzamento total de 90.000 euros, dos que 30.000 euros corresponden á liña destinada a concellos e agrupacións municipais, e os restantes 60.000 euros teñen como posibles beneficiarios a propietarios particulares.

Durante a súa visita ao Carballo de Mede, situado no Concello de Xermade, Ángeles Vázquez explicou que o importe das achegas poderá cubrir ata o 100% dos gastos subvencionables realizados ata o 15 de outubro de 2026 cun límite de 8.000 euros no caso das formacións senlleiras e de 4.500 euros cando se trate dunha soa árbore. Poderanse financiar traballos de poda e control da copa, tratamentos fitosanitarios, retirada de elementos prexudiciais ou accións de divulgación e sinalización.

A maiores, a conselleira fixo fincapé en que este ano, e como novidade, incluíuse como criterio de valoración das solicitudes que o elemento en cuestión estea localizado nalgún dos municipios que se viron afectados polos incendios do pasado verán.

O obxectivo da Xunta con estas axudas é contribuír a que se executen accións destinadas a garantir o mantemento, posta en valor e protección destes exemplares singulares, que en atención ás excepcionais características do seu porte, proporcións, idade, rareza, significación histórica ou cultural, interese científico, educativo, estético, paisaxístico ou outro tipo de circunstancia son merecedores dunha especial protección.

Nese senso, Ángeles Vázquez puxo en valor que os propietarios do exemplar que visitou hoxe foron beneficiarios desas axudas. En concreto, recibiron máis de 3.000 euros para levar a cabo dous estudos para valorar a mellor estratexia para a súa conservación, que, segundo os resultados, pasa por evitar pisar as súas raíces. Trátase dun carballo (Quercus robur) que supera os 35 metros de altura con base de fuste moi engrosada e rodeada de contrafortes que lle dan estabilidade.

Cómpre lembrar que o Catálogo galego de árbores senlleiras é unha ferramenta aberta e en constante actualización, podendo propoñer a inclusión de elementos novos os seus propietarios, as administracións, os centros de investigación ou asociacións e aquelas entidades privadas ou públicas que teñan entre os seus fins a protección da natureza.

De feito, desde a aprobación do seu regulamento no ano 2007, foi obxecto xa de diversas revisións e periodicamente sométense a información pública novas propostas para valorar a posible incorporación de exemplares con valores salientables.

Na actualidade, forman parte do catálogo un total de 205 elementos —157 exemplares e 48 formacións arbóreas— pertencentes a 84 especies diferentes e coa seguinte distribución por provincias:

PROVINCIAÁRBORESFORMACIÓNSTOTAL
A Coruña431457
Lugo36743
Ourense23629
Pontevedra552176
Total15748205

Publicacións Relacionadas