O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, participou na Mesa local de comercio de Ourense, posta en marcha pola Deputación, a través do Inorde e celebrada recentemente co fin de coordinar accións destinadas a impulsar o comercio de proximidade atendendo ás necesidades do propio sector. Trátase dun encontro que se enmarca na aposta de Galicia por impulsar estas reunións como espazos de debate público-privado para consensuar iniciativas en colaboración cos diferentes axentes implicados.
De feito, a comunidade galega traballa na creación dunha mesa de comercio autonómica como órgano consultivo e de participación do sector comercial pois nela estarán representados os distintos axentes e administracións públicas en prol do tecido comercial galego. Esta aposta está reflectida no Plan Estratéxico do Comercio de Galicia 2025-2030, que tamén ten entre as súas prioridades reforzar o papel activo das mesas de comercio como ferramentas para unha coordinación efectiva entre as administracións locais e o tecido asociativo comercial. Nesta liña, Gabriel Alén incidiu na importancia de que as entidades locais e provinciais colaboren co sector comercial das súas respectivas contornas, en prol da competitividade do sector.