A Xunta anuncia unha nova convocatoria da orde para financiar obras de eficiencia enerxética en infraestructuras municipais

adminON
Lectura mínima de 6
  • A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, destaca hoxe no Parlamento galego que o importe das subvencións para o período 2025-2026 acada os 5M€, dos que o 60% se financia con fondos Feder
  • A convocatoria 2024-2025 permitiu levar a cabo máis de medio cento de actuacións co obxectivo de colaborar cos concellos galegos nun maior aforro enerxético e económico nos edificios da súa titularidade

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, anunciou hoxe no Parlamento de Galicia que a Xunta convocará unha nova convocatoria de axudas plurianual destinada a facilitar actuacións de eficiencia nas infraestruturas vinculadas á prestación de servizos municipais en concellos de menos de 30.000 habitantes. A orde prevista para o período 2025-2026 contará cun investimento de 5 millóns de euros, cofinanciados nun 60% con fondos Feder.

Nesta liña, fixo balance da convocatoria destas axudas para 2024-2025 da que se beneficiaron más de medio cento de entidades locais que, grazas a este apoio, como sinalou a directora xeral, “puideron mellorar a eficiencia enerxética das súas casas do concello, casas da cultura, centros socioculturais, polideportivos, escolas e outros edificios da súa titularidade”. Na provincia da Coruña hai 17 concellos beneficiarios, que se distribúen case 1,7 millóns, e na de Ourense 15 con case 1,5 millóns de euros financiados. En Pontevedra, 10 municipios recibiron algo máis dun millón de euros, e en Lugo en nove localidades repartíronse preto dun millón de euros.

A través destas axudas, os concellos beneficiados poden cubrir ata o 80% dos gastos de melloras en illamento, iluminación interior e climatización cun límite de 120.000 euros. Así, fináncianse obras de mellora das envolventes térmicas, illamentos en cubertas e fachadas, e a instalación de carpinterías exteriores ou acristalamentos con boas características térmicas.

Tamén se apoian obras para contar con iluminación eficiente no interior dos edificios, así como para a colocación de sistemas de control e regulación da iluminación artificial, da intensidade e o acendido. Outra das melloras é á climatización e calefacción, que pode incluír fontes de enerxía renovable. O importe da actuación debe oscilar entre os 60.000 e os 150.000 euros.

Redución do consumo enerxético

Natalia Prieto lembrou que en Galicia os edificios son responsables do 30% do consumo enerxético e do 40% dos gases de efecto invernadoiro e, nesta liña, os concellos son propietarios de moitos deles ao contar cun amplo parque inmobiliario destinado á prestación de servizos á cidadanía. Precisamente esta orde de axudas contribúe á redución das emisións de gases de efecto invernadoiro e á mitigación dos efectos do cambio climático, en liña coa Estratexia de cambio climático e enerxía 2050 e no marco do Programa Feder Galicia 2021-2027.

Búscase tamén facilitarlles aos concellos o aforro enerxético e económico, así como a mellora ambiental e do confort do persoal e da cidadanía usuaria dos servizos municipais. A través da medida impúlsase ademais a reactivación económica dos sectores implicados nas obras e refórzase o efecto exemplarizante das actuacións da Administración.

Fomento do galego da xustiza

Na comisión 1ª tamén interveu o director xeral de Xustiza, José Tronchoni, para abordar as medidas do fomento do galego na administración xustiza de Galicia. Así, lembrou que o portal xurídico galego Lex.gal conta cunha completa base de datos que se actualiza de xeito constante con toda a lexislación ditada pola comunidade en galego. Con esta ferramenta ábrese á cidadanía a posibilidade de dispor, en rede e con contido actualizado, dun acceso á versión consolidada, actualizada e en galego de todas as normas ditadas desde 1981 pola comunidade, no marco da colaboración entre distintas institucións.

Co obxectivo de garantir o uso do galego nos procedementos xurisdicionais en toda a actuación, tanto oral como documental, José Tronchoni detallou outras medidas impulsadas polo Goberno galego como a disposición de equipos lingüísticos e de traducción, a edición de documentos xurídicos e a publicación de textos legais en galego, o desenvolvemento do programa de xestión LexNet para tramitar documentos tanto en galego como en castelán, o recoñecemento do coñecemento pola lingua propia como mérito nos concursos e na traxectoria profesional do persoal ao servizo da Administración da Xustiza, ao que tamén se lle presta formación continuada neste ámbito e cursos de capacitación lingüística, ao igual que ocorre cos fiscais a través do convenio asinado este ano para ofrecerlles cursos de galego. Na mesma liña, na páxina de intranet de xustiza vaise adaptando a lexislación estatal á lingua galega e nos portais web de xustiza coma este e noutras aplicacións e programas tamén se emprega o galego.

Polo tanto, o director xeral incidiu en que “os órganos xudiciais da comunidade teñen as ferramentas precisas para o desenvolvemento do procedemento xudicial na lingua escollida polas partes e calquera persoa ten dereito a escoller ante os organismos de calquera xurisdición a lingua na que se desenvolverá o procedemento e a lingua das súas intervencións orais e escritas”.

Comparte este artigo