A Xunta apoia a 194 concellos para a contratación de socorristas durante os meses de verán

adminON
Lectura mínima de 3
  • O Diario Oficial de Galicia publica hoxe resolución da orde de axudas para a prestación do servizo de vixilancia, rescate e salvamento nos espazos acuáticos naturais e en instalacións acuáticas descubertas
  • A liña de axudas, dotada con 1,5M€, sufragará os gastos da contratación de persoal de socorrismo durante a tempada estival

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución da orde de axudas da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes para financiar a contratación de socorristas por parte dos concellos co obxectivo de garantir a seguridade nas praias, piscinas ou outras instalacións acuáticas durante os meses de verán. A Xunta destina 1,5 millóns de euros a 194 concellos ou mancomunidades beneficiarios, fronte aos 182 do ano pasado.

Trátase de subvencións en réxime de concorrencia competitiva, para a prestación do servizo de vixilancia, rescate e salvamento nos espazos acuáticos naturais ou instalacións acuáticas descubertas de titularidade municipal no período entre o 1 de xuño e o 30 de setembro. Con estas axudas, o Goberno galego busca fomentar a prestación do servizo de socorrismo por parte dos municipios nas épocas de maior concorrencia.

Por provincias, A Coruña e Pontevedra, con maior número de zonas de baño, contan co maior importe de axudas, con 584.000 e 404.000 euros repartidos entre 60 e 38 concellos respectivamente, seguidas de Lugo con case 271.000 euros para 41 e Ourense con 241.000 para 55 concellos.

A contía da subvención concedida a cada entidade local beneficiaria non pode superar o 90% do orzamento do servizo e asignouse de forma proporcional á puntuación acadada como resultado da aplicación dos criterios de valoración establecidos nas bases reguladoras como o número de zonas de baño inscritas no Rexistro de Augas de Baño de Galicia, o número de areais con bandeiras azuis no ano 2024, a poboación do concello, a adhesión ao Plan Sapraga o pasado ano e a declaración de municipio turístico galego.

Así, pese a que a vixilancia de praias e lugares públicos de baño e o seu mantemento compete aos concellos, a Xunta contribúe a fomentar a prestación deste servizo non só con estas axudas para a contratación, senón tamén coa oferta de cursos de formación para incrementar o número de profesionais na nosa comunidade. A maiores, o Goberno galego conta con outras medidas para garantir a seguridade nos municipios máis turísticos como é o caso das subvencións para a contratación de auxiliares de Policía Local.

Comparte este artigo